Acompañoume unha noite a lectura de Castelao escritor (Galaxia), serie de textos publicados inicialmente por Ediciós do Castro, en 1986, que Eduardo Blanco Amor lle dedicou ao rianxeiro pouco despois do seu pasamento. Editadas por Luís González Tosar e Alexandre G. Corbillón, son pezas nas que o autor de A esmorga amosa a súa devoción pola figura do poliédrico galeguista, morto en 1950. Escribe: «A súa obra está moi lonxe de ser unha exposición de mágoas e laceiras, como din os minguados que enxergan a Galiza con ollos de turista e coma se a cousa non fose con eles». E engade: «Tras o seu humorismo hai unha perenne éxtase do chan, unha afirmación de fe e unha esperanza proseguinte». Alentador concepto este, «esperanza proseguinte», con neoloxismo blancoamoriano incluído. Adoito experimentar unha sensación semellante —a mesma elevación vital da que fala o ourensán— cando me atopo co xuízo admirativo dun escritor sobre outro, cando na exposición honrada dese ditame se examinan as engrenaxes da escrita e se fai da análise unha conversa profunda cos enigmas do oficio. Puiden ler tamén estes días Tempo de correspondencia (Xerais), de Xesús Fraga e Xerardo Quintiá, conmovedoras cartas onde os autores reflexionan acerca dalgúns tesouros cos que nos agasalla a vida: a amizade, a literatura, a natureza, as películas, a música. Aparecen ademais no diálogo as incertezas da época e o testemuño compartido da depresión. Lémbranos Xesús Fraga que o xigante John Cheever, no súmmum da elegancia, puña o traxe para pasar o día escribindo no rocho da casa. Reviso fotografías icónicas de Castelao e creo intuír no seu porte unha xentileza homóloga, bañada quizais en incurables melancolías. Algo similar me ocorre con outra imaxe moi coñecida de Blanco Amor, a cuxa gallardía engade un sorriso pillabán mentres terma dun cigarro. E reparo tamén na instantánea de Quintiá e Fraga, reproducida na lapela do seu libro, onde estou certo de adiviñar nese momento captado por Ana Couceiro unha variante desoutra elegancia que alcanza o espírito: a conxunción fraterna de dous escritores amigos, en tempos de axitación histórica, que se profesan admiración e respecto a través da palabra. Guiándome polo seu vieiro —a procura da afinidade, o intercambio sereno, a reflexión honesta como antídoto fronte a aceleración do odio—, o mundo me parece máis transitable. Unha esperanza proseguinte.