A metade de Boyanka Kostova lanza o seu proxecto persoal
16 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Chegará o día, seguro, no que falemos de Saibran sen apostilar o de que é «a metade de Boyanka Kostova», pero de momento aínda é oportuno citalo para situarnos. O primeiro paso xa está dado. A primeira pedra do seu proxecto en solitario xa está posta. Publicouse o pasado mes de decembro baixo o título Atardecer harmonioso con gotas de primavera. Oito cancións producidas por Mundo Prestigio que conforman a primeira parte dunha triloxía, tan variada no musical como no conceptual, que percorrerá as emocións e vivencias cotiás que se poden dar desde o solpor (neste primeiro disco) até o amencer (no terceiro).
Con esta primeira entrega Saibran xa determina rotundas diferenzas respecto a Boyanka Kostova. «Principalmente, isto é moito máis persoal. Boyanka sempre foi un grupo cun ton eminentemente festivo, como máis desenfadado. E neste caso quería explorar unha vertente un pouco máis introspectiva. A maiores, a xente que está detrás en cada disco vai facer que cada un teña un son e unha liña musical diferente. Creo que iso é tamén algo moi interesante deste proxecto», expón.
Un proxecto que naceu dun xeito moi orgánico. Poderíase dicir que por unha acumulación de casualidades. «Eu son unha persoa inqueda e gústame experimentar. E teño a sorte de que os meus amigos se dedican tamén á música. Xuntámonos por puro ocio, sen máis pretensións, e pouco a pouco foise formulando e definindo a idea. E aquí estamos».
No estritamente musical, Atardecer harmonioso con gotas de primavera conecta co rap máis clásico aderezado con sutís ornamentos vintages e unhas bases que xogan desenfadadas coas sonoridades disco e funk. «Somos xente aberta á creatividade, polo que a idea deste proxecto é non pecharse a nada. A min, persoalmente, gústame que os discos teñan variedade, que non sexan monocromáticos, que sorprendan sen que iso supoña perder a súa identidade».
Unha identidade que no caso das letras vén determinada polo intimismo e a introspección, aínda que por momentos deixe asomar un chisco de ironía. «A ver, ao final son eu xogando —ou pelexando segundo o momento— comigo mesmo. E a min gústame que sexa todo moi de andar por casa. Gústame o costumismo, falar de cousas do día a día que a xente poida identificar», comenta un Saibran que se resiste á proclamación de frontman único e absoluto deste proxecto. «Non o son porque en directo vou con outras dúas persoas [Julián Goicoa no baixo e Fiz García na batería]. Estou ben arroupado. Si que é verdade que neste proxecto a cara máis visible son eu, por iso de que tamén leva o meu nome, pero eu concibo a música como unha forma de conectar lazos con outra xente á que admiras e respectas e coa que compartes gustos musicais.
Tras Atardecer harmonioso con gotas de primavera, que abrangue as horas desde a saída da casa até o inicio da madrugada, no 2026 chegará un segundo álbum que amosa o que pasou ao longo da noite. Un disco máis escuro e cru, menos melódico, producido por Møu (DKTC, Lumedoloop), máis achegado ao trap e a electrónica.
A triloxía pecharase no 2027 cun terceiro disco máis experimental, producido por Juait e Crnds, que recolle a última parte da noite e do amencer á saída do after. «O momento que máis se presta a probar cousas e facer fricadas», di o seu creador.
Como testemuña Chicho [Ortiga], a outra metade de Boyanka Kostova, Saibran xa non é só un rapeiro. «É un poeta urbano, un cronista do presente». Este, o seu proxecto persoal, acredítao sobradamente.