«Nadando na incerteza», a obra magna de Sés

FUGAS

VÍTOR MEJUTO

Obxecto e suxeito, estética e concepto, palabra e música van da man na última obra da artista, que esta fin de semana preséntaa en directo no Teatro Colón da Coruña

09 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O disco como obxecto físico acadou xa a categoría de fetiche. E o libro en papel vai polo mesmo camiño. Así pois, publicar hoxe en día unha obra que une estes dous formatos, ademais dun soberano acto de valentía, é toda unha declaración política. Se por riba é posuidor da profunda carga poética, estética e musical da que vén preñado Nadando na incerteza, o último traballo de Sés, é xusto concluír que estamos ante un dos agasallos máis fermosos, lúcidos e transcendentes que a cultura galega nos ten entregado en tempo.

Con Nadando na incerteza nas mans e nos oídos, un non sabe que é máis pracenteiro. Se o desfrute das trece pezas musicais que o compoñen, nas que Sés se amosa máis espida e máis conectada á tradición da canción de autor latinoamericana que nunca; se o gozo de recrearse na lectura das súas 120 páxinas a cabalo entre o cancioneiro, a poesía e o ensaio; ou se o pracer meramente físico de manexar o propio obxecto material que é este libro-cedé, presentado e coidado con mimo extremo en todos os seus detalles.

Nadando na incerteza é un traballo complexo dende o punto de vista estético e conceptual, pero esencial no musical. E para Sés a esencia está na propia canción. «A canción como molécula composta de texto e melodía, como unidade primixenia e autosuficiente. Pero, sobre todo, como fondo ao que se subordina a forma», explica.

Escoiteille dicir a Sés que Nadando na incerteza supuxo nela un punto de inflexión. Falaba, sobre todo, do seu proceso de creación. Pero ademais desas cuestións de índole se cadra máis internas, o que está claro para quen o recibimos é que Nadando na incerteza é a obra magna e sublime dunha artista que non pode facer un acto de entrega maior. Nadando na incerteza é Sés aberta en canle. Nestas trece cancións e nestas 120 páxinas está todo o que calquera precisa para entendela. O que non será se non o primeiro paso para valorala. E quen sabe, incluso admirala. Despois disto, razóns non nos faltan.

Deixa escrito Sés no limiar desta obra que «o prioritario era cantar, dicir con acompañamento pero sen artificios, directamente e de perto, a quen queira e poida dedicarlle tempo a escoitar». E poucas veces paga tanto a pena dedicarlle ese tempo. Sexa ao libro-cedé ou as súas presentacións en directo, como as que esta fin de semana terán lugar no Teatro Colón da Coruña. Uns concertos que, adianta a artista, son como o propio disco: acústicos e crus. Seguro que tamén intensos, comprometidos e desbordantes de paixón.

  •  A CORUÑA. TEATRO COLÓN. SÁBADO 10 (20.30) E DOMINGO 11 (19.00). 18,60 EUROS