Segue a crear porvir a constelación editorial que cumpriu este ano o 75.º aniversario, sen deixar de ser referente na descuberta dos pensadores do país. A editorial Galaxia percorreu Galicia no 2025 cunha exposición con recendo a futuro. O compromiso coa cultura e a lingua non se xubila
19 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.
- As persoas
Galaxia créase pola vontade dos galeguistas de continuar co proxecto de Nós, unha vez que a actividade política se fixo inviable. Xaime Isla Couto, Francisco Fernández del Riego e Ramón Piñeiro son o corazón da editorial nas primeiras décadas, xunto a figuras como a de Otero Pedrayo, primeiro presidente. Despois de 75 anos é unha empresa de capital galego que nunca repartiu beneficios porque se rexe pola idea inicial de contribuír unicamente a Galicia.
- O futuro: Colección Illa Nova
En 1957 créase unha colección para as novas xeracións: Franco Grande, Xohana Torres, Méndez Ferrín, María Xosé Queizán, Bernardino Graña, Camilo Gonsar ou Carlos Casares foron algúns deses valores que publicaron algunhas das principais obras do que se deu en chamar a Nova Narrativa Galega. Con esta finalidade de abrir camiño a quen está comezando, no 2017 nacía o Premio Illa Nova de Narrativa.
- A colección Grial
Un dos obxectivos principais era botar a andar unha publicación periódica que abeirase o ensaio, porque consideraban que era a mellor forma de dignificar a lingua. Despois de catro números, a censura prohibiu a Colección Grial en 1952, pero seguiron dando ao prelo estudos monográficos como 7 ensaios sobre Rosalía.
- A revista «Grial»
En 1963 o réxime autoriza a publicación da revista Grial que dende entón, e de maneira trimestral, non fallou á súa cita. Ata o número 100 diríxena Fernández del Riego e Piñeiro, sempre co compromiso de promover o intercambio científico, de promocionar os estudos dos diferentes ámbitos do coñecemento e de dignificar e normalizar o uso da lingua. Henrique Monteagudo está á fronte na actualidade, despois das etapas de Víctor Freixanes e Casares.
- A estandarización da lingua galega
A finais dos anos sesenta publícase a Gramática elemental del gallego común, de Carballo Calero, unha obra básica para a unificación ortográfica e a estandarización da nosa lingua. Tamén se deu ao prelo o Diccionario galego-castelán que xuntou máis de 40.000 voces galegas, unha encarga dos responsables da editorial a Franco Grande, cun éxito rotundo, pois vendéronse máis de cen mil exemplares.
- Os primeiros libros infantís
Ata 1966 non hai libros en galego destinados especificamente á infancia. Xohana Torres traduce as obras primeiras e, un ano despois, estréase como escritora con Polo mar van as sardiñas. Carlos Casares (na imaxe) comeza a finais da década dos sesenta a publicar historias infantís, con éxitos como A galiña azul ou As laranxas máis laranxas de todas as laranxas. En 1984, Paco Martín gaña o Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil con Das cousas de Ramón Lamote, o primeiro para unha obra en galego. Comeza unha etapa de éxitos continuados na LIX.
- A creación da Fundación Penzol
En 1963 inaugurouse en Vigo a Fundación Penzol co obxectivo de dotar a Galicia dun centro de estudos e documentación especializado en lingua e literatura galegas. Os seus primeiros fondos proceden do bibliófilo galeguista Fermín Penzol, pero axiña se incrementaron e seguen a medrar. Del Riego foi o seu primeiro director durante case medio século, relevouno Francisco Domínguez e, na actualidade, está á fronte Xosé Manuel Soutullo.
Unha literatura galega universal
Cunqueiro, Fole, Blanco Amor, Castelao, Otero Pedrayo, Novoneyra, Marilar Aleixandre, Chus Pato, Ana Romaní, Domingo Villar... Son moitas as voces que construíron Galaxia. Case 4.000 títulos, moitos deles referenciais, sen os que sería imposible entender a literatura galega. O Día das Letras Galegas do vindeiro ano está dedicado a Begoña Caamaño, quen publicou en Galaxia dúas novelas xa imprescindibles, que revisitan os mitos clásicos dende unha óptica feminista e comprometida.