Vladimir Putin e Xi Jin Ping soñan con ser inmortais a través da cirurxía. Soubémolo por un micro aberto que captou a súa conversa durante os actos en Pekín polo 80.º aniversario do remate da Segunda Guerra Mundial. «Hoxe es un rapaz aos setenta anos», dixo daquela o mandatario chinés. Sentenza á que respondeu o ruso: «Grazas á biotecnoloxía, os órganos humanos poderán ser transplantados constantemente». Imaxino que outros caudillos coma Donald Trump ou Javier Milei andarán nas mesmas, fantasiando coa inmortalidade que anuncian algúns avances médicos. Á maioría dos seus súbditos, en todo caso, tócalles substituír o incerto obxectivo da eternidade pola batalla de vivir ao día: esa teima histórica da clase traballadora que consiste en tentar chegar a fin de mes. Pero alén dos quirófanos nos que semellan confiar tanto os sátrapas contemporáneos, hai outros sistemas ben coñecidos para perpetuarse cos mellores resultados. O máis práctico, pintar A Gioconda, escribir Macbeth ou compoñer a Novena Sinfonía, garantías dunha atemporalidade irrefutable. Non hai discusión aí. Aínda que a inmortalidade profunda, independente de cirurxías e heroicidades artísticas, prefire construírse nuns ollos infantís que miran con sorpresa. Recordo agora que o meu pai se fixo inmortal a principios dos oitenta do pasado século, nos terreos da vella estación do tren de San Francisco, en Ourense. Concentrábase na ardua tarefa de ensinarme a non caer da bicicleta, convertido nun Bernard Hinault, cando procedín a eternizalo nunha imaxe mental —a universalidade dun señor enfrascado na crianza dun fillo— que sempre me vén á cabeza cando paso por alí. Seguindo con este asunto de prorrogar a vida, dixo tamén Putin na reunión de Pekín: «Berlusconi falaba activamente do tema na súa época». E engadiu Xi: «As predicións apuntan a que este século se poida vivir ata os cento cincuenta anos». A min non me interesa unha inmortalidade expresada así por tan aborrecibles autócratas. Máis alá do que me conceda a lotaría xenética, aspiro a observar o mundo que nos están deixando —catástrofe climática, tecnofascismo— xa dende as bancadas doutra dimensión. Só ambicionaría unha moratoria artificial por aquí para ter a oportunidade de lembrar algo mellor os empeños dos auténticos inmortais. Para dicirlles, mentres ando de paseo ou atrapado nas lides da escrita, que aínda estou no camiño de guiarme co seu equilibrio.