Esta fornada de realizadores menores de 40 anos ábrese paso con carácter a través dos festivais do país. Teñen sensibilidades únicas e abordan o social desde unha ollada moi persoal
17 oct 2025 . Actualizado a las 10:24 h.O cine galego está hoxe en boca de todo o mundo. O éxito da polémica Sirât, de Oliver Laxe, escollida pola Academia de Cine Española como a representante nacional para a gala dos Óscar do 2026, serviu coma o máis recente altofalante e escaparate para mostrar do que son capaces os nosos directores. Un creador que agora está no seu apoxeo tívoo nos seus comezos moi complicado, unha situación coa que a nova xeración de realizadores vese xa moi identificada.
«Noto que a xente máis nova ten que loitar entre si para conseguir axudas, xa que todos andan detrás das mesmas. O bo que vexo é que é unha industria bastante colaborativa», considera Antía Carreira. A súa curtametraxe Pupa foi recentemente galardoada no festival Curtocircuíto co premio Supernova, peza que define coma un exercicio para darlle voz á comunidade non binaria e trans: «A gran maioría do equipo está formada por mulleres e persoas non binarias. Nos meus proxectos tento tratar problemáticas que van aparecendo na miña vida. Cando creei Pupa, unha das miñas amizades máis pretas, Beta, levaba un ano e pico nas listas de espera para facerse a operación de reafirmación de xénero e a min, xusto nese momento, outorgáronme un pouco de financiamento desde o programa Cinex de Braga. Entón, Beta e mais eu decidimos facer a curta». Para Antía, expresarse a través de imaxes e vídeos é algo natural, e desexaría facelo de forma máis corrente se contase con máis medios.
Pablo Dopazo, realizador de O frío, comparte unha opinión similar sobre o panorama audiovisual de Galicia. Natural de Estribela, este cineasta de 38 anos pensa que ao sector do cinema galego aínda lle falta para estar ao nivel do internacional, pero cre que autores coma Iván Castiñeiras e o seu filme Deuses de pedra comezan a achegarse a el. Ante as múltiples negativas recibidas por terceiros nos últimos anos, Pablo arriscou e creou unha produtora propia, Nova Industria Films: «Chegou un momento no que me dei conta de que quizais tiña que facelo pola miña banda. Fundei a produtora xunto a miña socia, Anna Kulyk, para así ter un pequeno aparato administrativo co que poder acceder ás axudas públicas e conseguir validar outros proxectos». O estilo de Dopazo está moi marcado polo cine contemporáneo, artistas como Pedro Costa, e tamén por clásicos como John Ford e Jean-Luc Godard. Estas influencias teñen pegada en O frío, unha obra coa que conquistou os premios a mellor director e curtametraxe no Festival de Cans. Un exercicio no que a ficción e o real conflúen e no que Pablo, a través dunha posta en escena sobria na que as imaxes contan moito máis que o texto, trata con orixinalidade temas como a soidade, a perda, a drogadición e a incomunicación entre un pai e un fillo.
A forma de facer cine de Pablo Dopazo choca completamente coa visión de Carlos Calvar, quen neste momento da súa carreira ve a sétima arte como algo co que xogar e experimentar, non algo polo que atormentarse. «Prefiro facer dos procesos creativos e da rodaxe algo divertido. O mellor é pasalo ben, xogar coas palabras e as formas, ver películas, conversar con outra xente...», confesa. Boca de asno, o seu último proxecto, premiado coa mención especial no Ourense Film Festival celebrado este mes de outubro, é unha mostra disto. Dende os primeiros instantes, Carlos avisa de que é unha obra creada coa intención de que o espectador a viva plenamente sen buscarlle unha ensinanza. «Isto vai de deixarse levar. Penso que está ben disfrutar principalmente do humor e do aspecto estético. A vida é un pouco iso», comenta. A fotografía de Boca de asno destaca polo uso do branco e negro e a lente chamada ollo de peixe, características que un servidor relacionou erroneamente con Pobres criaturas, de Yorgos Lánthimos: «Foi unha broma recorrente na rodaxe, pero non foi unha referencia. A nivel estético, fixeime moito en Vivian Maier, unha fotógrafa estadounidense dos 70 que facía retratos en branco e negro polas rúas. Logo a nivel conceptual e temático foron directores como Kusturica e Roy Andersson as principais inspiracións». Nestes momentos, Carlos vive fóra de Galicia, pero non deixa de observar desde a distancia como na industria da nosa comunidade hai cada vez máis movemento e xente moi preparada a nivel técnico e artístico á parte dos grandes nomes, como Oliver Laxe ou Lois Patiño.
Recén saídos da universidade
Nunha situación similar a Carlos encóntranse Paula Fuentes e Guillermo Carrera, que viven en Barcelona e Madrid, respectivamente. Coñecéronse estudando o grao en cinematografía na Escola Superior de Cine e Audiovisuales de Cataluña, en Barcelona, e a amizade que fixeron durante ese período acabouse transformando nunha colaboración profesional da que saíu Corre o vento. «Ata chegar á idea final, pasamos por varios procesos. Comezamos a través da poesía, con referentes como Rosalía de Castro —o seu poema Corre o vento, o río pasa deulles o título da curta— e Uxío Novoneyra, o poeta do Courel. A partir diso, comezamos a relacionalo coa cultura popular do Courel e da miña propia experiencia e o meu contacto directo co lugar do que veño», relata Paula. Tamén fixáronse moito no traballo de figuras do audiovisual como Diana Toucedo, cineasta galega que tamén rodou na zona, e en referentes do cine portugués —o cal opinan que ten un vínculo moi especial co cine galego—, coma Miguel Gomes e Pedro Costa, anteriormente mencionado por Pablo Dopazo. A curta foi acollida cos brazos abertos en Galicia, sobre todo na Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, onde conseguiu dous premios, pero tamén no resto de España. «Con Corre o vento, que trata temáticas puramente relacionadas co medio rural galego, observamos que en moitas partes e festivais do resto de España recíbese con moito cariño o cine galego. A sensación que se ten fóra é que temos un cine cun ambiente máis propicio á innovación e á experimentación», narra Guillermo.
Tamén leva a ollada á aldea galega Ciudá de Ladrillo, de Carlota Álvarez. Graduada en Comunicación Audiovisual na Facultade de Santiago de Compostela, esta realizadora debutante aproveitou o seu traballo final de grao para contar a historia de Pieles, o pobo da súa avoa, situado en Ourense. Un retrato máis orientado cara ao cine documental, no que Carlota, a través da voz en off das veciñas do pobo e unha ducia de fotos do pasado, conta unha historia que agora mesmo só existe na memoria das poucas mulleres que seguen no pobo. «Creo que o máis esencial á hora de construír unha peza é ter algo que contar. Por moito que teñas unha cinematografía preciosa, un son boísimo, e todos os elementos técnicos encaixen de marabilla, se non tes unha historia ou algo real e verdadeiro que ensinarlles aos espectadores, o resultado final perde forza». Carlota soubo aproveitar o material prestado pola Universidade de Santiago, e agradece moito a axuda recibida, que lle serviu para crear unha obra que conquistou ao xurado da sección Novas camadas do Festival de Cans neste 2025. «Eu tiven sorte e recibín moito apoio, tanto do profesorado, en especial do meu titor, pero tamén o persoal técnico me botaba unha man con calquera dúbida que tivese», remata.