Cabalaría lixeira

Diego Ameixeiras

FUGAS

Galicia se prepara para el San Xoán con luminarias adelantadas en algunas parroquias.
Galicia se prepara para el San Xoán con luminarias adelantadas en algunas parroquias. BASILIO BELLO

22 jun 2025 . Actualizado a las 20:32 h.

Noutro tempo, creo lembrar, fomos lixeiros. Iso parecen dicirme as vellas fotos onde saímos algúns colegas con cara de estar voando, negando a lei da gravidade, seres libres de cargos. Eramos sometidos polo impulso da curiosidade e alí acudiamos, lixeiros. Eramos convidados a festas volátiles e alí nos presentabamos, lixeiros. Eramos vistos en mil sitios e axiña liscabamos de alí polo aire, lixeiros. Tiñamos ordes de sobrevoar. A grande arte trae de seu a marca da lixeireza, escribe o colombiano Juan Cárdenas. Sempre semella flotar, igual que é certo que flotan as catedrais góticas ou as páxinas de Onetti. Brian Wilson, líder de The Beach Boys, titán creativo do século XX, tiña o don de facer cancións eternamente lixeiras. Escoitas as súas melodías e de súpeto éntrache a lixeireza pola casa adiante, vestida de liño fino, a calquera hora, coma dispensando suavidades traídas dende unha xeografía etérea, imposible de localizar nos mapas. Con esa misteriosa levidade veume visitar L., terceira xeración da familia que teño en Suíza. Contoume polo miúdo os seus proxectos para este verán a piques de estoupar, que consisten en percorrer os lugares orixinarios dos avós e recoñecer neles a sutileza dun paraíso perdido, pero localizable entre os enérxicos vapores da memoria. Aprender as palabras rotundas da tribo auriense, comprender a paisaxe, flotar sobre os pasos dos que un día marcharon e permanecen por aquí en secreto. Fun lixeiro, agora xa non o son. Sucede a causa dunha lei implacable que seica nos condena á terra firme. Pero tanto me ten. Algo recupero daquelas acrobacias aéreas cando un ser salvaxemente lixeiro, coma L., me revela o seu plan de choque para virar o aire polo inminente San Xoán. Ou cando escoito en bucle God Only Knows, acta definitiva dos marcos celestes. Marchou Brian Wilson e en Libération consideraron que o seu adeus debía ser a nova máis destacada de portada. Agradécese a intelixencia desa levidade. O resto de xornais seguiron ocupados no insoportable relato de guerras, masacres de inocentes e corrupcións a toda plana, e as estrelas matutinas das teles insistiron en contarnos a actualidade política coas pulsacións da final dunha Champions. Que época terrible e pesada nos toca atravesar. Menos mal que recibo visitas coma o vento sedoso de The Beach Boys, a cabalaría lixeira da mocidade que defende a urxencia de vivir nas alturas.