Última hora
Zapatero pide un aplazamiento de su declaración por la «complejidad» del sumario

«Poemas realistas», para non sucumbir

Ramón Nicolás

FUGAS

Hai unha tradición poética propia, que percorre camiños parellos e que a min tanto me gusta apelar porque dalgún xeito nos explica. Nace, ou así o quero ver, co propio P. Sarmiento, pasa por Pintos, Rosalía, Curros, Lamas, Cabanillas, Celso Emilio Ferreiro, A. López-Casanova, Darío X. Cabana, Ferrín e tantas voces posteriores; tamén, por citar dúas referenciadas nestas páxinas, nas páxinas de Char ou Passolini. A ese ronsel, se se quere de poesía social ou comprometida, que actualiza, tensiona e dalgún xeito renova, incorpórase este Poemas realistas, de Daniel Salgado, editado con excelencia por Apiario e que resultaba, hai menos dunha semana, galardoado co Premio da Crítica estatal no 2024 na modalidade de poesía en lingua galega.

Participo da opinión de que galardoar este libro é homenaxear a tradición arriba amentada e facelo moi conscientemente. Como mostra véxase un dos elementos estéticos e paratextuais que se integra na edición como é a tipografía da cuberta que imita a da edición orixinal de Das Kapital de Karl Marx. O título non deixa lugar a equívocos: velaquí unha linguaxe directa, advirto que puída ata a extenuación, para revelar un universo que exhibe as contradicións dun tempo coma o noso, sometido aos ditados dun capitalismo voraz, onde se cuestiona a ética política e o exercicio do poder. Con todo, a estética de Salgado vai máis alá da denuncia e dun ton que mestura rebelión e melancolía: nela paira unha busca consciente dun elemento que nos axude a manter a esperanza, que sexa quen de equilibrar, coa palabra, o desatino que goberna tantas veces o noso tempo. Velaí, se callar, a procura da beleza ou da liberdade da que poder termar para sermos nós mesmos á busca de alternativas.

Un limiar, cun poema introdutorio titulado «As horas», precede unha división tripartita onde se apela á nosa condición política, para logo amosar un bloque de textos diversos onde a presenza da natureza cobra un sentido simbólico e crítico e, finalmente, concluír cun longo poema titulado «Celso»: un dos textos poéticos máis brillantes e emotivos entre os publicados nos últimos tempos, que é un revelador discurso sobre o pasado, o presente e o futuro. Poesía para non sucumbir.