
Letras irreverentes e cargadas de retranca e sons que van do disco e o funk ás sonoridades máis actuais conforman os sinais de identidade desta banda que está a levar ás salas de concertos o seu «Chándal Metal Tour»
04 abr 2025 . Actualizado a las 11:57 h.Temos a sorte de que non hai que inventalos porque xa existen. E ben que se agradece. Monoulious Dop son o sorriso perenne da música galega. Claro que a coña que sempre vai implícita nas súas letras non debería desviar o foco e minguar a atención á súa proposta musical. Baseada en ritmos disco e funk pero aderezada por calquera outra cousa que nese momento se lles pase pola cabeza a Mon ou a Ula. Como di este último, «somos unha ensalada mixta de moitísimas cousas». Monoulious Dop veñen de publicar Liberar a Willy e Zumba co caneco, dous adiantos do que será o seu novo traballo, gravados baixo a produción de Iago Pico. Dúas cancións que xa engadiron ao seu frenéticio e, por veces, delirante Chándal Metal Tour, unha xira que ten por comprometido destino as salas de concertos.
—Que imos atopar de novo cando saia ese novo álbum?
—Iso non o sabe ninguén. Haberá cancións que soen ao de sempre, outras máis modernillas ou urbanas... O que nos xurda en cada momento, se nos cunde. Sempre fixemos o que quixemos. Pero se o que á xente lle gusta é bailar, rir e pasalo ben, as cancións irán un pouco acorde con iso.
—Os dous primeiros adiantos foron producidos por Iago Pico [produtor, por exemplo, de Tanxugueiras]. Encargarase el tamén do resto do disco?
—En principio, esa é a nosa idea. A verdade é que nos quita moitísimo traballo de enriba. Antes pasabamos horas e horas no estudio gravando movidas. E con Iago é todo moito máis fácil. Ti lévaslle unha maqueta e el convértecho nun tema espectacular. É o rei Midas da música.
—Tómase pouco en serio a música e aos grupos con letras humorísticas?
—Nós sempre dicimos que facer música con humor é algo moi serio. Custa moito traballo escribir letras que teñan enxeño. Que a xente non nos tome moi en serio? Pode ser. Vendo de que falan algúns proxectos que hoxe teñen éxito... Pero tamén ves grupos como The Rapants, con marabillosas cancións que teñen a súa dose de humor, e aí están.
—Cres que se fixerades letras máis transcendentes teriades máis éxito?
—Iso dixéronnolo moitas veces, pero é que entón non seriamos Monoulious Dop. Nós temos o noso nicho de xente, a nosa comunidade, e témoslles que dar o que queren. Hai veces que a min tamén me gustaría escribir cancións de amor máis íntimas, pero este proxecto pide facer este tipo de letras. E eu encantado.
—Dalgún xeito, sodes o contrapunto a esa xeración que tanto escribe sobre as súas crises emocionais e mentais e sobre a súa angustia existencial.
—Si, total. A min gústame escoitar o que vai saíndo, sobre todo en Galicia, e si que me chama moito a atención ese pesimismo nas letras e esas melodías tan tristes. Nós somos doutra época pero si, vexo á peña nova bastante triste, sen moita guasa, sen moito sentido do humor. Pero non pasa nada, para iso está Monoulious Dop (ri).
—Sempre tivestes certa querencia polos sons disco e funk. Agora hai uns cantas formación de notable éxito internacional que tamén tiran por aí.
—Si, e tamén están volvendo as guitarras, o rock and roll e os sons máis distorsionados. Eu creo que a nós benefícianos porque foi o que mamamos e o que fixemos sempre. Aínda que tamén nos gusta estar atentos aos sons máis modernos. Somos peña de 40 anos pero adaptados á xente de 20.
—Por que titulastes esta xira como «Chándal Metal Tour»?
—Nós empezamos nisto da música alá polo 2000 e daquela estaban de moda grupos como Deftones, Korn, Linkin Park ou Limp Bizkit. O que se chamaba nu metal ou tamén chándal metal. Porque todos estes grupos ían vestidos de chándal. Incluso antes de que nacera Ortiga (ri). Por eses recordos que tiñamos é polo que a titulamos así.
—E pedídeslle á xente que vaia en chándal aos vosos concertos...
—É que os nosos concertos son moito de bailar e de moverse e o chándal é unha roupa comodísima. Está vindo moita xente en chándal e temos un agasallo para eles.
—Para esta xira apostastes polas salas.
—Exactamente. Non vai ser todo subvención. Tamén temos que tomar a iniciativa e ir pola nosa conta ás salas. A verdade é que son superagradecidas. Está sendo brutal. A resposta da xente, o calor que nos dan, o propio feito de que paguen por vernos... Aínda que non saques o mesmo que cando vas a caché, é unha marabilla.
—Tamén estades en varios festivais. Gústavos ese formato?
—Encántanos. Sentímonos moi a gusto nos festis. De feito, gustaríanos estar en máis dos que estamos. Pero tampouco temos presa. Aos que non imos este ano, xa iremos noutro.
—Chámame a atención iso de que non teñades presa. Non sodes uns recién chegados.
—Non temos presa en absoluto. Sabemos que non estamos na Champions pero tampouco no descenso. E sentímonos moi cómodos nesa posición no medio da táboa, porque non temos presión de ningún tipo e imos capeando os temporais. Eu levo dende o 2020 vivindo da música, para min xa é a hostia.
—Que porcentaxe de veces aparece ben escrito Monoulious Dop?
—Pode ser un 20 %. Téñennos chamado de todo. Eu entendo que é impronunciable e inescribible, pero hoxe en día, con Google e ChatGPT, quen teña dúbidas pode preocuparse polo menos de buscalo.
- CAMBADOS. KRAZZY KRAY. SÁBADO 5. 22 H. 12 EUROS
- SANTIAGO. SÓNAR. VENRES 11 (12 EUROS) E SÁBADO 12 (ESGOTADAS). 22 H.