
Hoxe sae «Escándalo no escuro», un disco de dobre cara no que este proxecto mestura provocación e intimismo
07 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O espírito é de gran espectáculo mainstream. As dimensións, de banda indie. Nesa situación encóntrase Amoebo, o proxecto liderado por Aaron Valle que edita Escándalo no escuro, un elepé que ve hoxe a luz e que será presentado a próxima semana, o venres 14, na Coruña (Garufa, 22.00 horas, 10 euros).
—Un disco con dúas caras ben diferenciadas. A que responden?
—Hai unha cara que fala enteiramente de sexo, amor e paixón sen ningún tipo de vergoña. É directo, explícito e bastante provocador. De aí o escándalo. A cara b é máis introspectiva. Trata de como me sinto agora mesmo como artista, das cousas feas que te atopas neste mundo tan bonito da música. A ansiedade, os egos, a loita por seguir crecendo e os medos tamén que temos como artistas. A verdade é que somos unha banda moi festeira e moi alegre. Aquí dáse un xiro bastante profundo a sonoridades máis escuras e temáticas moito máis sombrías do que eran antes. E tamén creo que bastantes máis impactantes.
—Sodes unha banda independente, pero mirades claramente ás figuras do pop «mainstream».
—Si, para nós sempre houbo a ambición e as ganas de chegar a iso. Sempre concibimos Amoebo como un espectáculo, non só como un concerto, como os que podía dar cando tiña bandas de metal ou de rock. A min gústanme moitísimo as divas pop, por exemplo. Todo o que fan sobre o escenario Aitana e Dua Lipa. Ou o que facía Britney Spears. Todo ese espectáculo con baile, entradas, saídas e cambios de vestiario. Algo así quero para a miña banda.
—Cal sería o gran referente, nese sentido?
—A ver, a nivel artístico, para min hai dous claros. A primeira é Bad Gyal. Paréceme totalmente admirable o que fixo esa rapaza, que é unha tía que, a priori, non tiña ningún talento especial. Nin baila, nin canta, nin sequera é modelo, sabes? Está onde está agora grazas a traballar e a aproveitar as oportunidades. É un fenómeno que arrasa. Musicalmente, a min flípame, obviamente. O outro referente é Dua Lipa, por suposto. Non hai palabras para definila. Sinxelamente, é a máis grande.
—Poderiamos dicir que o disco e o «show» de Amoebo é conceptual?
—Dalgunha maneira, si. Pero eu téñolle moito respecto ao termo de disco conceptual, como old school roqueiro que son. Cando digo iso penso nun disco de Tool ou de Pink Floyd. De aí para abaixo cústame verme como conceptual. Pero si que hai unha temática que unifica: os medos que temos e as ganas que tamén temos.
—En directo levan un corpo de baile.
—Veñen catro bailarinas de Tempo 154, que é a escola de baile na que me apuntei cando empecei con Amoebo. Quería aprender a bailar porque era un pato torpe. Lili, a dona da escola, é a coreógrafa. A verdade é que o fan espectacular.
—Entón, pasoulle igual que Dua Lipa, que orixinalmente era bastante torpe e agora é toda unha besta escénica.
—Si, hai un vídeo mítico dela facendo ese pase torpe de cadeira no ano 2017 e coa xente ríndose dela. E logo, vense os tremendos directos que fai agora que son espectaculares. Hai moito traballo aí.