
Admirador de Pippi Mediaslongas, de Raphael e de Juan Pardo, home de palabras precisas e agarimosos wasaps, Piñeiro medrou ata sentirse como «esas miñas señoras que poñen o mundo por monteira e viven sen pensar no que dirán». Vivir ao día... e ao que se torce darlle o punto Escarlata: Xa o pensarei mañá.
24 ene 2025 . Actualizado a las 17:42 h.Despois dun martes que non foi nada súper, chegou un minimércores de loito para varias xeracións de galegos, para esa «parroquia» disposta a rir, xogar e botarlle un baile á vida, da que sempre se sentiu namorado Xosé Manuel Piñeiro (Allariz, 1957).
Este James Cagney que só cumpría o rol de tipo duro disparando aos mantras da corrección política e da televisión fixo dos martes Supermartes, e do seu personaxe, un superprofesional que optou, fronte ao mal tempo da enfermidade, por bambolear. Ata o último paso.
Un paso seguro e peculiar, sempre acompañado, tiña nos platós Piñeiro, distinguido no 2020 coa medalla Castelao por tantas cousas e retrincos que trocaron en sorriso a negra sombra do malestar.
Foi doado o primeiro contacto persoal con Piñeiro, que quitaba o súper como un Borsalino en canto te vía chegar. Aquel encontro foi grazas a Gayoso, os dous de sempre no corazón da xente que medra co luar. Foi no Luar onde o rei do Tequelexou dixo o que tiña e onde volveu a poñer o pé e todo o corpo emocionado por primeira vez nun plató tras superar o mieloma múltiple que o obrigara a retirarse un ano antes. O showman que vibrou no entretemento familiar nunca deixou de dar o parte vital. Sempre coa xente, coas gafas ben postas. Na sáude e na enfermidade. «As miñas señoras de 60 anos son as que me sosteñen. Elas primeiro, e en torno a elas todo o que cae no cesto é peixe!», dicíanos nunha entrevista en Santiago tras a súa reaparición televisiva. El, superada aquela fase, dicía que se sentía como elas, como esas «señoras de 60 anos ás que non lles importa o que dirán, que poñen o mundo por monteira e viven ao día».
Este admirador da rebeldía das señoras e das nenas fortes como Pippi Mediaslongas que mandaba parabéns e emoticonos por WhatsApp definíase como unha persoa «á que lle gusta reflexionar, ler, pararse nos artigos de opinión». «Para medrar, non se pode pensar: 'Xa o sei todo!'. Se vas de sobrado, acabouse a túa carreira», dicía nunha das súas frases para enmarcar.
Antes que ser presentador, e moito antes de licenciarse en Filosofía e Ciencias da Educación, Piñeiro neno quixo ser cantante. Un artista como Raphael, ao que imitaba de «pequerrechiño», e admiraba como a un deus «cando el ía a Eurovisión... e non tiñamos nin tele en Allariz!».
As noites de sábado de Joaquín Prat e Laura Valenzuela deixaron nel un recendo a vocación. Pi soñaba con presentar un programa como aquel rompendo a ecuación familiar. «Fíxate que inxenuidade dun neno fillo dun ferreiro e dunha modista...», confesou. Con 15 anos, cantou Cuando te enamores de Juan Pardo e xa non deixou de cantar.
«A vida é unha tómbola, toca o que toca, hai que pelexar!», dicía tras medirse ao cancro. Nin no seu ingreso no Álvaro Cunqueiro esqueceu a súa «fortuna», na tele e no hospital. «Que moitos galegos sintan que son da familia é un privilexio grande», que hai que corresponder. Con agarimo e profesionalidade, co seu superpoder, o de ser espelido como bo aprendiz, Piñeiro era máis súper en persoa, nas distancias curtas e nas mensaxiñas do WhatsApp.
As persoas que dan entrevistas poderían clasificarse en tres tipos. O dos que non saben se a entrevista que fixeron saíu ou non o fan notar, o dos que chaman para corrixir ou lamentar, e un terceiro grupo pouco nutrido pero motivador como o máis suculento premio dun concurso da televisión: o dos que chaman ou escriben para dar as grazas. Nesa Liga da gratitude xogan xente como Manuel Rivas, Gayoso, Yolanda Castaño... E tamén Luz Pozo, Xosé Ramón Piñeiro e Domingo Villar.
Pi rompeu a matemática televisiva coa forza irracional, extraordinaria, de Pi, o número que ten a maior lexión de fans.
A parroquia do James Cagney de Allariz segue a bambolear. Non haberá supermartes, pero sempre nos quedará o sol do luar...