
Gústanme os cadros de Pollock. Ás veces todos temos a cabeza así, enredada dunha esquina a outra sen deixar apenas espazo á claridade. Na que foi casa de Peggy Guggenheim en Venecia hai varios. A coleccionista conta nas memorias, non sen resquemor, que apostou moito por el. Tívoo en nómina varios anos e atendeu aos requerimentos de Lee Krassner, a esposa do pintor, tamén artista. Doou moitas obras a distintos museos do mundo e devolveu outras tantas ao matrimonio. Uns anos máis tarde, cando o mercado da arte xa «estaba tolo» de pura especulación e nin sequera para unha millonaria como ela era fácil facerse con novas obras, as do seu pupilo alcanzaron cifras astronómicas. Ela lamentou terse desfeito de todas aquelas teas que carrexara dun lado para outro con tanta paixón. Despois de todo, cando xa era un xenio consagrado ninguén a mencionou como parte importante dos seus inicios. O éxito e as ingratitudes.
Pero hai unha historia máis ingrata aínda, a de Janet Sobel, unha muller de procedencia ucraína, nai de cinco fillos que cando andaba polos corenta e tantos comezou a desenvolver a súa arte. Os seus cadros son magníficos, magnéticos, rotundos. Do seu nome eu souben por casualidade estes días, unhas lecturas levan a outras. Pregúntome cantos de vós a coñecedes.
Foi ela a primeira en encher o lenzo e en utilizar a técnica do goteo, pero o considerado pioneiro do expresionismo abstracto foi Pollock, que morreu bastante novo de accidente de coche pero xa considerado o gran artista do seu tempo. Hai testemuños de que el vira a obra de Janet Sobel e que lle causara gran impresión, pero o mesmo crítico que afirma iso, cualificou de primitiva a man da «ama de casa». Ou sexa, interesante, pero feita por unha muller e sen formación. O intuitivo non vale para todos. Parece claro que Pollock se inspirou en Janet Sobel, que participou nalgunha exposición na galería de Peggy, pero marchando esta a Europa, non lle quedou más remedio que desistir e volver a lavar a louza lonxe do centro de NY. Polo menos agora algunhas das súas obras colgan das paredes do MoMA.