«As horas mortas»: Os nosos territorios do alén

Ramón Nicolás

FUGAS

Emma Pedreira
Emma Pedreira Nuria Cancela

01 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Sospeito que o primeiro que farán moitas persoas que teñan este libro a man será revisar o índice para descubrir se se recolle algo do «seu» cemiterio ou dalgún que coñece ben. No meu caso non estaba o que mellor coñezo, mais como entendo que este é un libro inacabado no sentido de aberto e susceptible de ir medrando, isto é, un «work in progress» do que aínda cabe esperar máis, isto é, que se converta este nun gromo dunha proposta máis ampla.

Dun ou doutro xeito, Emma Pedreira ofrece nestas máis de catrocentas páxinas un traballo extraordinario, engadiría que pioneiro, que só foi abordado, até agora e ao que eu sei, de maneira moi parcial e coido que carente dunha perspectiva global e transversal. Extraordinario porque cómpre subliñar que esta é unha proposta que non realiza un equipo, que se elabora paciente e esforzadamente ao longo de catro anos, período no que alén da documentación precisa para alimentar un proxecto deste carácter monumental hai tamén un «traballo de campo», se se quere chamar así, que implica quilómetros de viaxe, recorrer ao saber de moitas persoas para que o empresten xenerosamente e dispor da paciencia e organización precisas para separar o gran da palla e, ademais, darlle forma a un caudal informativo e formativo que deita, e máis nun pobo coma o noso, a conexión tanxible diría que hai entre a vida e a morte, focalizada no punto de vista dos camposantos ou cemiterios.

A voz que aparece neste libro sempre é a da autora, claro é, pero modúlase de diferentes e enriquecedoras maneiras: velaí o relato das descubertas que se xeran ao visitar os cemiterios; tamén o pulso para revelar a incorporación doutras voces que acompañan á autora neses ou noutros encontros e, mesmo, unhas páxinas —coido que excelentes— que se corresponden a un rexistro confesional situado na contorna máis privada da autora.

Velaquí, por xunto, cun pulo descritivo infrecuente que repara, nunha escolma dun dez por cento dos cemiterios galegos, en moitos campos como son a etnografía, a literatura, a antropoloxía, a arquitectura e tantos outros de mans dadas coa memoria. Moitos saberes alimentan este almeiro ou psicopompo que fala e seduce, nunha fermosa edición.