Sospeito que a escrita da escritora catalá Eva Baltasar é desa estirpe que, probablemente, goza de grandes defensores e se cadra de sólidos detractores. Encóntrome, particularmente, no primeiro grupo por diversas razóns, quen sabe se por esa tonalidade que adopta a súa produción novelística: resultado da confluencia infrecuente dun ton no que procura desconcertar, incomodar ás veces e subverter lugares comúns coa elaboración dunha crónica persoal, verosímil, dun particular modelo de vida e de entender o mundo contemporáneo. Tras Permaxeo (Kalandraka, 2020) e Boulder, publicado en Aira hai un ano, é tamén neste último selo onde ve a luz a conclusión desta triloxía con Mamut, que hoxe nos ocupa, en tradución á nosa lingua a cargo de Isaac Xubín.
Loxicamente hai un fío, un perceptible bater de ás neste libro, e ben comprobable, no que se refire a obras anteriores se pensamos no uso altamente metafórico, vizoso e simbólico da propia linguaxe e, se cadra, igualmente nesa liña que tripa os terreos da chamada narrativa de non ficción que lle permite serpear polos lindes que ofrecen as relacións humanas, polas fronteiras ás veces tóxicas, en ocasións curadoras, a abalaren sempre entre os afectos e os desafectos das persoas, con asuntos insistentes tales a maternidade, a soidade ou a pura supervivencia a activar os impulsos dos personaxes. Baltasar enfróntanos, ou convídanos a gorentar, en tres bloques que posibilitan seguir a evolución lineal dos acontecementos, ao que talvez poidamos denominar como unha escrita abismal, directa e depurada, onde a protagonista coma sempre innomeada, situada a anos luz dos estereotipos, foxe da cidade na que vive ata dar cunha masía para vivir. Aquí sufrirá, coma antes, unhas condicións laborais precarias e habitará un territorio marcado pola hostilidade máis brutal e primitiva: un percorrido que está cheo de desafíos e dificultades, por veces cruel e violento pero, curiosa e sorprendentemente, será nese espazo e nesa atmosfera onde se encontre a si mesma. Aquí será, en fin, no medio de ferrados de soidade, onde venzan os instintos e cobre sentido a metáfora do mamut: indomeable pero sempre no albo das cazarías e, por tanto, ao límite da desaparición.