O espello dos descoñecidos

Diego Ameixeiras

FUGAS

A obra de Joseph Conrad demostra que cómpre falar e compartir as roturas da melancolía

13 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Díxenlle adeus ao verán cun longo paseo pola praia, tomando conciencia de que ese intre non se volverá repetir ata o ano que vén. A escena fronte ao océano parecía sacada de «Interiores», o filme co que Woody Allen demostrou que podía ser Ingmar Bergman en Long Island. Corría algo de vento. Todo era gris e chamaba á introspección, o ceo ameazaba chuvia, a temperatura non convidaba ao baño.

Pero o mar se me ofrecía en calma, así que non o pensei dúas veces e acudín ao seu encontro para completar o rito de despedida. Sucedeu o habitual: coa cabeza somerxida na auga, experimentando un agradable apagado, os meus pensamentos comezaron a silenciarse nun suave abandono de min mesmo, coma se estivese sendo rehabilitado para gozar dunha serenidade imposible na superficie.

O mundo de «Interiores» —as doenzas da alma, o desacougo existencial— quedaba lonxe. Os suicidios descenderon un 6,5% en España, informan os datos do INE. Pero segue a ser a segunda causa de morte externa e a primeira entre a mocidade, un problema de dimensións xigantescas.

Os especialistas en saúde mental insisten en que un suicida non quere morrer; só quere deixar de sufrir, como lle ocorre á Eve que interpreta Geraldine Page na película de Woody Allen. E engaden que debemos normalizar, dende os ámbitos comunicativos, o feito de que os nosos cerebros fantasíen de cando en vez coa posibilidade de aplicarnos un punto e final. Ocorre así porque somos salvaxemente humanos, e porque ninguén está a salvo dos precipicios desa Eve que decide librarse da dor desembocando no océano.

«Debo falar agora de todo isto ou seguir sendo un descoñecido ata a fin dos meus días», escribiu Joseph Conrad na nota coa que abre O espello do mar. O verán quedou atrás e aproveito para confirmar que emerxín das augas como sacramentado, culminando a miña despedida marítima con provisións abondo para camiñar pola superficie durante os vindeiros meses.

Pero tampouco pretendo enganarme. Os números sosteñen que as melancolías do próximo outono volverán afectar a gran parte da poboación, igual que as angustias do inverno e as ansiedades da primavera. O tempo pasará. Irémolo vendo. Os psiquiatras, mentres tanto, confirman o imperativo do señor Conrad: cómpre falar ou seguir sendo uns descoñecidos. Falar e compartir roturas, incendios, demolicións. Falar dunha praia solitaria e do último silencio submarino deste mes de setembro.