Parellas de súper

Mercedes Corbillón

FUGAS

La exposición sobre Tamara de Lempicka celebrada en el 2007 en Vigo batió récords de visitas.
La exposición sobre Tamara de Lempicka celebrada en el 2007 en Vigo batió récords de visitas.

29 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Teño dez amigas dos tempos de Compostela que len sempre as miñas columnas, non descartemos que sexan as únicas. Temos un grupo de WhatsApp onde nos facemos chamar turistas rurais, porque desde hai vintetantos anos gardamos unha fin de semana de febreiro para pasalo xuntas nunha casa dalgunha aldea de Galicia.

Marta, a pediatra, seria, formal, culta, tranquila, que xa era madura naqueles tempos nos que a miúdo confundíamos as farolas coa lúa, envía sempre o enlace de La Voz os venres pola mañá ao chat. As outras danlle as grazas e felicítanme, sempre amables, con máis ou menos ganas. Esta semana, un día calquera, empecei a recibir mencións entusiastas, risas, emoticonos varios, parabéns afervoados e xa estaba pensando eu que gañara un premio ao que non me presentara, cando vexo un artigo enviado por Marta cun título que falaba da moda de ligar no supermercado. Está claro que na firma non repararon e que Manuela Viñales, a autora das liñas, triunfou co seu relato do costume, que polo visto fai furor, de ir a buscar parella no tempo da compra. Quen di parella di rollo, encontro pasaxeiro ou relación seria, segundo as apetencias. Toda unha linguaxe de hortalizas e produtos frescos ao servizo da sedución.

Contesteilles, algo envexona polo éxito alleo, que Manuela é unha gran periodista, pero que, persoalmente, son máis de soñar con azarosos encontros dos de toda a vida: na barra dun bar, na sección de antropoloxía dunha librería ou nun museo.

Di Manuel Vicent que o público que observa un retrato acaba parecéndose ao retratado, imaxe fermosa que permite fantasiar cun fío vermello que te une ao observador que está ao teu carón mirando un cadro de Sophonisba ou de Tamara de Lempicka. Hai algo máis suxestivo que compartir mirada ou admiración?

En calquera caso, alégrome de que o Mercadona lle faga a competencia ao Tinder, esa ferramenta infernal que convertiu os seres humanos nun produto de centro comercial. Se a mercancía somos nós, vaiamos ao lugar adecuado. O meu, creo que é o dos iogures caducados, así que se me vedes cunha piña na man de sete a oito no súper do Toural, non vos confundades, é pura casualidade.