No capítulo final deste volume, Efi, protagonista da historia que relata, sinala que o inferno que atravesou —alicerce temático da peza— é a súa «loita do presente». Velaí como, tal é o grao de verosimilitude do asunto recreado, calquera estaría convencido de que na vida real este ente de ficción, ou non, se dedica a compartir, para denunciar as estremecedoras vivencias que experimentou en carne propia e que sofren, igualmente, doce millóns de nenas no mundo sometidas a un matrimonio que non conta co seu consentimento.
En efecto, Teño 14 anos e non é unha boa nova, de Jo Witek —xornalista, actriz e narradora francesa—, gañadora do premio Babelio 2021, traída ao galego por Antía Veres e que conta con ilustracións de Jimena Estíbaliz, pon o foco a través dunha narración en primeira persoa nesa tráxica e monstruosa realidade que son os matrimonios acordados: outro tipo de submisión forzada das mulleres aos homes, aínda vixente arestora en diversos países do mundo.
A historia recreada, transmitida con axilidade e transparencia, sitúase nun espazo indeterminado que pode ser calquera e xoga, irónica e subversivamente, con elementos de transmisión oral tradicional. Cóntanola Efi, en representación de milleiros de nenas que se poderían chamar así, e que vén de cumprir 14 anos: por esa sinxela razón xa está nunha idade núbil e axiña o seu futuro será acordado polos seus pais. Obrígaselle, así pois, a abandonar uns estudos que aproveitaba con excelencia, a quebrar os seus plans de futuro, a esquecer dun día para outro cousas tan cotiás como pasear coas súas amigas, poder ler un libro ou simplemente ter soños de futuro. A infancia e a adolescencia desaparecen dun día para outro e convértese nunha fonte de pracer para un descoñecido.
Un texto impactante, cheo de matices e que non esquece os afectos que a vítima sente pola súa propia familia. Unha invitación explícita á reflexión sobre os matrimonios forzados e que reitera a consideración do corpo, e máis dunha nena, como un espazo ou territorio sobre o que ningunha tradición, por ancestral que sexa, pode exercer dereito ningún, moito menos se se asocia co exercicio da violencia física e psicolóxica.