Os gatos son teléfonos, dicía Cortázar. Teléfonos que enlazan o mundo dos vivos co dos espíritos. Cheguei á casa despois de botar un tempo fóra. Preparei o xantar. Os gatos miráronme mal cando me vin obrigado a tirar ao lixo un anaco de pan duro que malvivía no fondo da bolsa. Con dureza exipcia, en posición de estatuas, souben que me estaban a lembrar o que advertían as avoas: «O pan nunca se tira». Logo regresaron aos seus cuarteis de inverno no sofá. E dende alí, sen quitarme ollo, xuraron non dirixirme a palabra en días se non repetía o xesto daquela xeración atravesada por unha guerra. O xesto de bicar o pan cando, por algunha estraña circunstancia, non quedaba máis remedio que tiralo. Ou cando caía ao chan, por respecto a un alimento de enorme simbolismo cultural. «Toda narración descobre un mundo esquecido nunhas pegadas», ensinounos Ricardo Piglia. Hai un mundo inviolable que seguimos a narrar dentro de nós con esas coreografías herdadas. Un mundo que se nos comunica a través de suaves reminiscencias, lembranzas da tribo que evocamos mediante protocolos coma ese de bicar o pan antes de desbotalo, xesto que no meu interior quixo dicir: «Desculpádeme a soberbia, amados gatos». Unha calorosa noite de verán de hai agora cincuenta anos, Osvaldo Soriano sentíase moi desgraciado. Non acababa de atopar o ton para comezar Triste, solitario y final, a novela coa que lle rendería homenaxe a Stan Laurel e Oliver Hardy —O gordo e o fraco— a través de Philip Marlowe. Ata que escoitou uns ruídos na cociña. Era unha gata negra que entrara por unha das fiestras. Estaban en penumbra e o animal non deixaba de fitalo, altivo e poderoso coma un médium. En efecto, tratábase dun teléfono cortazariano. Un teléfono que traía ata o presente unha mensaxe de Raymond Chandler. Un teléfono capaz de solventarlle ese problema que tiña coa novela: «¿Qué hacés, boludo, no te das cuenta de que la cosa es evidente?». Os meus gatos, cando viron que procedía a bicar o anaco de pan duro antes de deixalo no lixo, tamén fixeron o seu traballo. Solucionáronme un problema de conexión co pasado. Recoñeceron no xesto o fulgor da memoria. Os sinais dunha estirpe. Descoñezo se quixeron apiadarse de min, pero sei que deixaron de mirarme dende a fame de todas as guerras. Enroscáronse nas mantas. Dixéronme antes de caer durmidos: «Non estivo mal. Pero segues sen alcanzar a gloria dos que te precederon».