Dios Ke Te Crew cumpren 20 anos: «O de recrearse no espello non vai con nós»

FUGAS

Dios Ke Te Crew
Dios Ke Te Crew Iago Vilarinho

O grupo celebra o vinte aniversario coa publicación dun disco-fanzine que inclúe 20 remixes e unha festa de dez horas o sábado en Santiago, con moitos artistas convidados

04 dic 2023 . Actualizado a las 14:27 h.

Foron o grupo seminal do hip-hop galego. O que deu pé a un dos movementos sonoros, estéticos e ideolóxicos máis fértiles que se teñen xerado en Galicia neste século. E aí seguen. «Coa ilusión duns principiantes», di Jamas, un dos fundadores, alá polo 2003, de Dios Ke Te Crew. A formación celebrará o sábado o seu 20.º aniversario cunha festa de dez horas nas compostelás salas Capitol e Malatesta e coa edición dun disco-fanzine cos 20 remixes dos seus temas máis emblemáticos.

—Dicía o tango que 20 anos non son nada.

—Nada, compañeiro. Un salouco. Pasou voando o tempo.

—Nestes 20 anos, que cambiou en vós, que cambiou na industria musical galega e que cambiou na escena do hip-hop?

—En nós. que daquela eramos máis impulsivos, máis de vivir o intre, cada segundo. En canto á escena do hip-hop, variou bastante. Principalmente, porque entón era un núcleo moi sectario, moi hermético. E iso perdeuse. Nós sempre tivemos a sorte, non digo de transcender o xénero porque non quero ir de mesías de nada, pero si de entrar en circuítos que ata entón non lle correspondían ao hip hop. Sendo xustos, creo que o feito de facer rap en galego axudounos a conseguir iso. E no que se refire á industria, hoxe hai moitísimos máis medios dos que había antes tanto para facer música como para amosala ou distribuíla.

—Dende a vosa perspectiva, case de patriarcas, como vedes hoxe o rap galego?

—Moi positivamente. Hai grupazos. Seguramente máis que nunca. Temos grandísimas referencias: Rebeliom do Inframundo, Malandrómeda, Boyanka Kostova... Creo que estamos vivindo o mellor momento no rap e na música galega no seu conxunto. Aí están Grande Amore, que é un crac, Mondra, Fillas de Cassandra ou mesmo Tanxugueiras. Nunca houbo tantos grupos e como que nos apoiamos máis entre nós. Hai máis sinerxías e colaboracións. Iso antes non se daba tanto. No rap houbo unha época na que colaborar era unha palabra tabú. O rap era a elevación do ego, o aquí estou eu e non quero compartir foco con ninguén non vaia ser que non se me vexa a min tan ben, que non brille.

—Vós, que representades á vella escola, como recibides novas propostas como o trap ou as fusións coa electrónica?

—Eu, persoalmente, son moi de rap. Para nós a época dourada do xénero foron os 90, pero que aparezan esas novas vertentes ou mesturas é positivo. É tan lexítimo querer mesturar, experimentar ou investigar como facer o contrario e dicir «mira, eu son zapateiro e o que fago son zapatos», que é un pouco o que fago eu.

—Cando volvestes, tras 8 anos en silencio, dixestes que volviades para dicir o que nunca se dixo. E agora, xa está todo dito?

—Non, para nada. A compoñente social nas líricas de Dios Ke Te Crew non se debe perder baixo ningún concepto. E por desgraza, agora moito menos, vista a deriva que estamos a sufrir como sociedade. Está moi ben falar do amor ou do desamor, ten que haber letras para todo. Pero non debemos esquecer nunca a temática social. Sen pretender adoutrinar a ninguén. Simplemente coa intención de denunciar un pouco o que está pasando.

—Que podemos agardar de DKTC despois do día 2? Teremos algún novo traballo?

—Pois si, levamos tempo colleitando novos temas e sacaremos bastante material en breve. O do aniversario está ben, vinte anos e demais, pero o que está mellor aínda é seguir mirando cara diante e non recrearte véndote no espello, porque iso nin ten sentido nin vai con nós. Xa che digo, están florecendo cousas guapas: novos temas e vídeos, algúns deles con colaboracións, que en cuestión de meses iremos soltando. The show must go on (ri).

—E mantendo, imaxino, ese sentido do humor que tamén é marca da casa. Sempre me chamou a atención o pouco sentido do humor que hai na música urbana.

—Xa che digo. Pero é que a retranca é o gran superpoder que temos os galegos. Hai que aproveitalo. Igual que a denuncia, o sentido do humor é fundamental. A crítica ácida e satírica, esa retranca que temos nós, é pura maxia. Eu creo que hai que explotala aínda moito máis.