Encrucilladas

Ramón Nicolás

FUGAS

O escritor Manuel Esteban.
O escritor Manuel Esteban. Oscar Vázquez

24 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Sorprendeume, ou talvez non tanto, atopar esta primeira proposta do escritor vigués Manuel Esteban destinada a un público xuvenil baixo o título de Setestrelo. Afástase, sospeito que non definitivamente, das solventes propostas de corte detectivesco á que nos tiña afeitos nos últimos anos cos libros capitaneados polo inspector Carlos Manso desde aquel A ira dos mansos, que foi premio Xerais en 2016, ao que se sumaron dúas novelas máis: O meu nome é Ninguén (2018) e A vinganza dos homes bos (2020). Unha triloxía que, talvez, goce de continuidade no futuro á espera do seu vindeiro O xogo de Escher, ao que parece unha obra con certo recendo a distopía e que foi premio, hai poucos meses, de novela curta do Concello de Ribeira.

Nesta ocasión, Esteban ofrécenos unha historia protagonizada por Xano: un rapaz ao que lle resulta complexo encaixar no seu tempo, perfilado como un personaxe sometido a acoso no seu colexio e marcado polo baleiro que lle ocasiona a morte da súa avoa: unha médica e astrónoma por afección. Este oco parece cubrirse, e velaí unha das encrucilladas á que debe facerlle fronte o protagonista onde se consegue con naturalidade a necesaria complicidade que se esixe neste xénero, cun vello ordenador que lle posibilitará abrir as portas para encetar unha aventura extraordinaria —adxectivo usado con todo o seu sentido etimolóxico xa que de viaxes astrais e vidas en galaxias distintas falamos— que camiña por vieiros distópicos onde a fantasía é quen goberna.

Teño para min que Esteban manexa con solvencia o paso dun ton confesional sinxelo, sincero e directo, a través do que vai revelando os trazos persoais de Xano marcados pola incomprensión co mundo que o rodea, onde só a memoria da súa avoa desaparecida posibilita un cambio de rumbo, e que explica ese salto dunha novela de corte realista onde se repara con especial atención ao tránsito da infancia á adolescencia a outra de corte fantástico onde o propio Xano é quen de apropiarse do seu destino para protagonizar unha verdadeira redención cunha homenaxe, máis que explícita e coido que honesta, ao marabilloso e paródico título A luz fantástica de Terry Pratchet.