Decidino de volta á casa, avanzando polos últimos restos da madrugada: saltar un charco. A rúa estaba deserta. Collín impulso como Yulimar Rojas, erguinme no aire como Ana Peleteiro e acabei tomando terra entre un estanco e unha drogaría. Superei a proba. O charco ficou atrás e seguín camiñando baixo a ovación dun semáforo. Está ben iso de andar a saltos pola vida, imaxinar por unha noite que participas nuns Xogos Olímpicos. Está ben caer onde menos o esperas, despoxado de ti mesmo. Por iso lamentei, despois do salto, non caer convertido no yakuza protagonista de Flor pálida, noir perfecto de Masahiro Shinoda onde unha experta en vivir ao límite, nos baixos fondos de Yokohama, declara o seu amor á escuridade: «Oxalá que non volva alborecer. Que non remate nunca esta noite ateigada de perigos». Estamos saltando atrás no tempo. Prendo a televisión e a casa escuréceseme con falanxistas, esvásticas, torquemadas saídos do colexio maior. Imaxinei tamén que o meu salto me permitía caer nas rúas de Madrid, no medio dun deses Cara al sol que se cantan polo barrio de Argüelles. Quería salvar o charco cunha alancada e verlle a faciana de preto a eses tristes escuadristas que pretenden facernos saltar de medo co seu odio. Pero salto agora nunha dirección mellor. Salto directo á ollada de Ledicia Costas: «Un incendio acada o seu estado de graza / cando consegue que a terra cuspa cinsa / coma auga que voa do espiráculo dunha balea». Salto e vou collendo altura con Chus Pato: «O idioma constrúe en min unha horta para os defuntos». Salto e mantéñome en suspenso con Oriana Méndez: «Abrazo é un dicir de dous / non acontece un suceso e despois outro / é máis ben unha duración no soño». Salto e busco un final perfecto, unha caída libre con Yolanda Castaño: «O meu corpo ollándome en fite, negro transparente / meténdome algúns dedos na boca para calarme». Pronto chegará decembro. Teño mentes de saltar por enriba do Nadal, esa festa onde a moitos lles saltan as bágoas, as ausencias, mil soidades sen brinde. Por iso me gustaría que fosen xa os saltos de esquí de Ano Novo. Saltar sobre o cadáver deste 2023 en guerra. Converterme no primeiro saltador que se dispara na rampla. Saltar sen reprimir un berro, quedar flotando no aire ata novo aviso. Elevarme coma un cóndor e non descender ata que alá abaixo, na xeografía mundial dos grandes charcos, deixen de saltar as alarmas.