A obra, que se estrea hoxe, leva a escena a discriminación de xénero no deporte
13 oct 2023 . Actualizado a las 12:46 h.O teatro e a realidade adoitan case sempre discorrer por camiños diferentes e non poucas veces en dirección contraria. Pero, de súpeto, hai momentos nos que se atopan e preséntanse entón como as dúas caras dunha moeda. Como os vértices dun triángulo no que ficción, realidade e conciencia fúndense. Ou confúndense. Segundo dende onde se mire.
É o que acontece como Run Baby Run, a montaxe teatral escrita por Fátima Delgado e dirixida por Jana Pacheco que hoxe se estrea no Salón Teatro de Compostela. Run Baby Run foi concibida, e así se presenta, como «unha obra que aborda a discriminación de xénero dentro do deporte». Máis de actualidade, imposible. Pero como lembra a súa autora, leva «traballando nesta peza dende 2017, cando a discriminación de xénero no deporte non interesaba tanto». Por non dicir nada.
A protagonista de Run Baby Run é Alba, unha exitosa atleta de Laza, favorita para o podio, que uns meses antes dos Xogos Olímpicos é apartada da competición oficial pola súa condición de intersexual. A Alba, nese momento, derrúbaselle o mundo. Acompañada pola súa inseparable adestradora, verase na encrucillada de ter que loitar por cumprir o seu soño sen renunciar ao seu verdadeiro ser.
Run Baby Run non é teatro documental nin unha biografía. «É teatro de ficción», apunta Fátima Delgado. «Pero si que é verdade que tomamos como referencia casos reais como o da sudafricana Caster Semenia, o da india Dutee Chand ou en España, o de María José Martínez Patiño».
Casos de atletas intersexuais que se atoparon no mesmo dilema e na mesma encrucillada que Alba. Porque, como lembra a autora do texto, «ter que esperar incluso anos a que un grupo de homes decidan se as deixan competir (dentro da categoría feminina que é a súa porque naceron mulleres), suponlles perder un tempo que pode ser o que marque o poder dedicarse á súa profesión ou que se acabe a súa carreira».
Unha das reflexións que Run Baby Run propón en torno aos estereotipos de xénero é por que as mulleres teñen que sufrir unha discriminación que os homes non sofren? «Para poder competir esíxenlle que os seus niveis de testosterona sexan máis baixos, sendo elas mulleres, aínda que cunhas condicións biolóxicas naturais diferentes. En cambio a homes, tamén con condicións biolóxicas diferentes e que tamén se podían considerar vantaxosas, como puideron ser os casos de Michael Phelps, de Induráin ou de Usain Bolt, iso non se cuestiona», expón Fátima Delgado.
Na súa opinión isto ten que ver coa pouca visibilidade ou o descoñecemento que existe en relación á intersexualidade. A «I» do colectivo LGTBIQ+. «Alba é unha atleta intersexual. É dicir, naceu muller, pero ten unhas condicións biolóxicas diferentes ás do estereotipo feminino».
O feito de que a estrea de Run Baby Run coincida co que está a acontecer en torno á selección feminina de fútbol é pura casualidade. «Cando saltou o escándalo nós xa tiñamos a obra practicamente montada», explica Fátima Delgado. Se ben recoñece: «Non nos pillou de todo por sorpresa porque ao estar en contacto con activistas feministas no mundo do deporte, sabiamos que algo estaba bulindo. Porque isto xa vén de longo».
Run Baby Run é un espectáculo coproducido polo Teatro Español, o Centro Dramático Galego, Meninas Teatro e Proversus. O elenco conta con Alba Loureiro, Camila Bossa, Celina Fernández Ponte e Daniel Méndez. Tras a súa estrea —hoxe— e as funcións que terán lugar en Santiago o sábado e domingo, poderase ver en Madrid do 22 de febreiro ao 24 de marzo.
Será unha versión en castelán, pero na que se manterán os elementos simbólicos que representan a Galicia e que contextualizan aquí a obra. «Hai varias escenas que van ser en galego en toda a xira», explica a autora. «Hai cousas referidas aos ritos e ás tradicións galegas que non as concibimos en castelán. Por moi ben que estivera a tradución».
- SANTIAGO SALÓN TEATRO. VENRES, SÁBADO E DOMINGO 10 euros