O carpinteiro e os carrizos

FUGAS

Entramos no taller dun carpinteiro. O día arrincaba sen présa no corazón da aldea, como querendo dicirnos aos foráneos que debiamos deambular pola mañanciña sen outra vontade que observar, sen outra misión que formar parte daquel silencio. Había nubes nas alturas, pero unhas nubes fuxidías que apenas conseguían peneirar un sol que nun par de horas comezaría a abrasarnos. O home dispúxose a amosarnos os seus antigos dominios, e así o fixo: conduciunos con vagar polo taller e deunos a coñecer os aparellos cos que aínda traballa de cando en vez a madeira, as ferramentas herdadas do pai e o avó, mestres que lle ensinaron un oficio no que se iniciou construíndo carros para os veciños da zona. «Aquí fun feliz durante cincuenta e dous anos», confesounos con rotundidade, pero sen un asomo de melancolía. Agora está xubilado. En ningún caso idealizo o traballo manual, só recoñezo a miña admiración por quen posúe unhas habilidades que eu non teño: facer cousas útiles coas mans. De pequeno alucinaba con esas secuencias das películas de aventuras en que os protagonistas toman conciencia da forza do traballo en comunidade e empurran ao resto a construír algo, case sempre nun breve espazo de tempo: un refuxio, unha trampa contra os malos, un vehículo capaz de atravesar areas movedizas. E reservábame para min o papel de secundario que colabora con algunha tarefa que non esixe grandes habilidades mecánicas, pero experimenta un gozo infinito ao sentirse parte da obra en marcha. Fantasiei con eses soños mentres o carpinteiro nos guiaba polo taller. Fantasiei con ser transportado á época en que o obradoiro funcionaba a pleno rendemento, véndome a min mesmo en calidade de colaborador que lle achega un trebello ao xefe no momento preciso, orgulloso de exercer o seu papel de actor supletorio. E véndome tamén coma un espectador que asiste alí dentro á construción de medio século de benaventuranza entre a madeira. Estabamos rematando a visita cando atopamos o niño dun carrizo na caixa dunhas alcaiatas. O carpinteiro sostívoo un instante entre as mans, pareceume que aprobaba a solidez da construción e devolveuno con coidado ao seu emprazamento. Sobre o silencio da aldea, mentres nos dirixiamos de volta ao coche, estendíase a voz de Emily Dickinson: «A esperanza é esa cousa con plumas / que se pousa na alma, / e entoa melodías sen palabras, / e endexamais se detén». Voamos o resto da mañá.