O editor do selo galego Triqueta Verde analiza os seus trece anos de exitosa e inspiradora traxectoria
23 jun 2023 . Actualizado a las 13:00 h.O editor Javier Mascato Blanco confirma que o 2023 está sendo un bo ano para Triqueta Verde, o selo vigués que non deixa de crecer con álbums infantís coidados e frescos e con volumes inspiradores para moitos. «Xa o nome coa que miña irmá e outra compañeira fundaron o selo hai trece anos revela o noso compromiso. Triqueta alude a trisquel. Verde é pola nosa conciencia medioambiental. Eu incorporeime no 2017; procedo da banca», valora feliz tras o cambio.
—O selo, entre a variedade de temáticas, apostou por educar na diversidade ou na variedade de familias. Había carencia deste eido no ámbito infantil?
—Dende hai anos hai libros que tratan eses temas de maneira directa, pero eu non son partidario diso. Creo que a diversidade non se aborda, debe estar normalizada e incluída no asunto que centre o título. No libro Os meus veciños, no que unha nena observa as carantoñas dos habitantes da casa do lado, ata o final non te dás conta de que son dúas persoas do mesmo xénero. A temática é a do amor en maiúsculas. O relato amosa a naturalidade coa que os pequenos ven o mundo. Para eles, sen prexuízos, é unha historia máis.
—Outro libro audaz foi «Quero ser raíña», sobre un soldado que fai esa afirmación. Como foi a acollida entre os nenos?
—Entre os lectores a recepción é moi boa. Ese libro sorprendeulles, pero pola súa orixinalidade e inesperado final. A obra, co combate do soldado para lograr o seu anhelo e a súa loita contra os estereotipos, está ademais aberta a moitas interpretacións. O que si temos é a sensación de que hai pais que aínda non se senten preparados para falar de certos temas na casa ou que prefiren optar por títulos cos que non necesiten dar explicacións aos nenos.
—E esa posible reticencia fréavos?
—Ao contrario. Máis alá de que estes libros teñen tamén boa saída e de que por eles recibamos moitos agradecementos, tanto de forma indirecta por parte dos nenos como de profesores que os valoran como necesarios pola diversidade que ven nas aulas, eses títulos, polo compromiso, posiciónannos como selo. Iso conxugámolo con obras máis comerciais, pero ás que tamén tratamos de facer nosas. O álbum Adiviñacedario non deixa de ser un abecedario, pero presentado de xeito novidoso. Eses detalles axudan a que unha pequena editorial como a nosa, de tres traballadores, se diferencie e siga con forza.
—Cal é a clave para poder pasar de editar tres volumes ao ano a preto de doce?
—Ademais de apostar por libros nos que as familias se ven reflectidas, como sucede co actual e satírico Axúdasme a debuxar un pato?, protagonizado por un neno ansioso e a súa nai, ou que axudan no eido divulgativo galego, como o de Illas á vista, que achega aos pequenos o parque nacional das Illas Atlánticas, creo que un acerto foi intentar estar presente dende o comezo en todos os mercados, tamén internacionais. Este ano o libro Viaxes en trens de primeira clase, unha historia delicada de empoderamento feminino, foi recoñecido en feiras como a de Bolonia, Fráncfort ou Londres e resultou gañadora nos premios da Fundación Cuatrogatos, algo só ao alcance das grandes editoriais. O día que soubemos do galardón fun feliz.