O CDG abre o debate entre o rural e o urbano sobre as táboas

FUGAS

Sete actores protagonizan a peza na o texto dialoga co teatro do movemento.
Sete actores protagonizan a peza na o texto dialoga co teatro do movemento. XOAN A. SOLER

«Un hotel de primeira sobre o río», que rescata un texto de Xohana Torres, pode verse en Santiago

07 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Un proxecto para construír un hotel cunha área recreativa nun val do medio rural. E aí aparece Ruth Soar, que non está disposta a deixar as súas terras: «En dúas palabras, non vendo». A súa historia, a presión á que se ve sometida para que renuncie ás propiedades e ás súas raíces, están no cerne de Un hotel de primeira sobre o río, o espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG) que rescata un texto de Xohana Torres de 1968 recoñecido co Premio Castelao e que conta coa dirección de Gonçalo Guerreiro e María Torres.

Xunto a Ruth desfilan polas táboas do Salón Teatro de Santiago de mércores a domingo ata o 30 de abril, entre outros personaxes, unha investidora que só ve o medio rural desde a óptica do beneficio; un investidor que non atopa nada peor que o feito que lle estraguen a súa partida de golf; o comisionado, ese persoeiro político que o único interese que o move é saír beneficiario; Inge, a voz das xeracións emigradas; Silvia, a loita e a rebeldía; e Marcos, o mozo da aldea que ten a esperanza de experimentar unha vida distinta.

Todo un conxunto de personaxes para abordar temas como a especulación urbanística, a depredación do medio rural, o desarraigo, a emigración, o feminismo, o apego á terra e o éxodo rural. Uns asuntos «máis actuais no noso presente ca na época en que se escribiu. Quizais por iso nunca se presentou profesionalmente en Galicia ata hoxe», detalla o director da unidade de produción teatral da Xunta, Fran Núñez, ao describir este espectáculo co que pretenden saldar unha débeda histórica con Xohana Torres. Tamén na «pertinencia» e na actualidade da temática da obra incide a codirectora María Torres. Precisamente, á hora de artellar a peza para traela ao presente, tiraron deses eixos temáticos, pero incorporándolle novos personaxes e situacións, para abrir aínda máis o debate sobre a dicotomía entre o rural e o urbano, iso si, procurando non perder nunca de vista a acidez, a ironía e o drama da escrita orixinal. «Como directores metémonos bastante cos textos dos autores, neste caso, co de Xohana Torres. Para nós, era importante en relación co urbano e o rural. No orixinal, Xohana queda máis no rural, con xente que marcha do rural para o urbano, pero para nós era importante dicir: e, aqueles que viven no urbano e tamén queren ir para o rural? », afirma Gonçalo Guerreiro.

Ademais de ampliar o debate nesa relación rural-urbano, os fundadores da compañía Elefante Elegante enfrontáronse a outro reto á hora de levar á escena Un hotel de primeira sobre o río: pasalo pola súa propia linguaxe escénica. «É unha peza realista e o desafío para nós é achegala a unha linguaxe máis física. Queremos, respectando a belísima escrita de Xohana Torres, crear un universo menos realista e que represente máis o universo onírico da súa protagonista», apuntaba María Torres ao inicio da produción. Deste xeito, na montaxe o texto orixinal dialoga co teatro do movemento, a linguaxe non verbal, a danza, a música e as artes visuais. O resultado é unha posta en escena con cada movemento e con cada mirada medidos. Onde a música, a cargo de Manuel Fonte Loureiro, foi feita despois de construír cada unha das escenas para que se adaptase perfectamente. Tamén xoga un papel importante o colorido vestiario dos protagonistas que vai variando ao longo da hora e 40 minutos de cada función sobre unha escenografía dun nivel de abstracción elevado.

O elenco artístico encargado de levar a cabo este traballo escénico está formado por Iván Davila, Raquel Espada, Sofía Espiñeira, Merche Pérez, Nicolás Otero, Pablo Sánchez e Lidia Veiga, que foron seleccionados entre trescentas persoas candidatas no proceso aberto pola Agadic.

Xira por Galicia e Portugal

Despois da súa estadía en Santiago ata o 30 de abril, Un hotel de primeira sobre o río, ao contrario do que aconteceu con Shakespeare en Roma, que se cinguiu ao Salón Nobre de Fonseca, iniciará unha xira que o levará por distintos puntos de Galicia e Portugal ata o 21 de maio. A montaxe recalará en Vigo (4 de maio), Póvoa de Varzim (día 6), Vimianzo (día 7), Lugo (día 11), O Barco de Valdeorras (día 12), Ourense (día 16), Narón (19 e 20) e, finalmente, na Coruña (día 21).