Axustar o foco na vida

Ramón Nicolás

FUGAS

26 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Ramón D. Veiga era coñecido, ata o de agora, pola publicación dun estimable corpus constituído por pezas da literatura infantil. Chéganos agora a súa carta de presentación no ámbito da creación literaria para persoas adultas e faino cun conxunto de relatos baixo o título de Zoom, que se alimenta por unha dinámica moi específica: o autor solicitoulle unha imaxe a un conxunto de persoas profesionais da fotografía —algunhas simplemente afeccionadas a ela—, sen ningún criterio indicativo, sen ningunha condición previa máis que remitisen aquela fotografía que desexasen. Velaí, así, un total de doce fotografías en branco e negro, naturalmente incorporadas no libro, que resultan ser a fonte de inspiración —por veces o punto de partida, en ocasións a conclusión ou, ás veces, un fío argumental— á que o autor recorre para a construción doutros tantos relatos.

A estratexia pode resultar arriscada, pois ese abano de fotografías, tan distintas e heteroxéneas entre si, poderían deitar un resultado escasamente compacto ou sólido para un libro de relatos, mais o certo é que D. Veiga se manexa con habilidade na notoria pluralidade de suxestións narrativas que as fotografías encerran porque somete a súa escrita, de maneira natural e nunca forzada, a un exercicio con altas doses imaxinativas, dominado pola presenza inescusable en case todos os relatos de certo distanciamento que lle posibilita o emprego da ironía, nalgúns casos do humor. Estes esteos constrúen e deseñan unha visión en moitas ocasións imprevisible ou insospeitada sobre o que a propia vida nos ofrece. Afastándose do que talvez podería resultar máis doado ao visualizarmos as fotografías que prologan cada un dos relatos, o autor —que manexa con brillantez o recurso ao diálogo— formula un horizonte de expectativas no cal cómpre activar a nosa participación na lectura ao recrear eses pequenos —ou grandes— universos en que abrolla a condición humana asediada en moi diversas dimensións ao expor conflitos, ás veces verdadeiras situacións dramáticas. Conflitos que é doado sentilos como afectivamente próximos.

Unha meritoria e recomendable estrea do autor neste xénero. Bo sería que esta liña principiada gozase, en breve, de continuidade.