Machado, sempre

Ramón Nicolás

FUGAS

Xesús Alonso Montero (na imaxe, intervindo no acto da Real Academia Galega en Córgomo) sinalou que Machado foi o autor que más influíu na súa configuración intelectual.
Xesús Alonso Montero (na imaxe, intervindo no acto da Real Academia Galega en Córgomo) sinalou que Machado foi o autor que más influíu na súa configuración intelectual. Santi M. Amil

19 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Nunha visita que o profesor Xesús Alonso Montero fixo a Benavente hai algúns anos para disertar sobre Antonio Machado declarou que o seu sentir por este último ía máis alá da devoción pola súa obra ou polo seu percorrido vital como profesor de Literatura. No seu caso, afirmaba, Machado fora o escritor que máis influíra na súa configuración intelectual e, non en van, é este un libro sobre Machado, si, mais por el transita, como é natural, a presenza do autor, que protagonizou importantes capítulos no universo machadiano ao longo do seu percorrido docente, político e cultural. E, en efecto, o libro concíbese como unha obriga persoal sobre Antonio Machado e sobre aspectos pouco transitados ou case descoñecidos do autor de Campos de Castilla.

Ben sabido é que a figura de Machado suscitaba antipatías ao longo do franquismo polo seu compromiso coa causa da República mais, tamén cómpre dicilo, a súa actitude ética e o remol que deixou a súa obra conduciu a reivindicalo con teimosía desde posicións enfrontadas a aquel. Este ensaio ilumina o territorio vinculado co trato que recibiu Machado polo franquismo e polos opositores deste ao longo de dezasete cumpridos capítulos.

Hai dúas crónicas, amplas e vizosas, nestas páxinas: a da actitude do réxime franquista ante a obra de Machado e a dos recoñecementos que se organizaron desde o ano 1959, moitos deles auspiciados polo partido comunista. Particularmente, sabía da homenaxe literaria que se lle tributara en Galicia e que, por exemplo, xerou o primeiro poema en lingua galega do escritor Manuel Lueiro Rey para a publicación Antonio Machado na nosa voz (1966), colectánea ideada e coordinada por Alonso Montero; pero ignoraba outras moitas que aquí se condensan —con valiosa información en todos os casos— como a celebrada en Vigo, talvez unha das primeiras, nas aulas do Instituto Santa Irene a cargo da profesora Consuelo Burel no ano 1946.

Non son, finalmente, menos relevantes as páxinas que reparan no ámbito da edición ou reedición das súas obra ou o tratamento que recibiu en diversas publicacións. Estes e outros asuntos trátanse con rigor e inequívoca utilidade para machadianos e para os que —aínda— non o son.