Na pel e no corazón dun inmigrante

FUGAS

Para o proxecto de realidade virtual, Iñárritu contou con persoas que viviron esas historias, non con actores.
Para o proxecto de realidade virtual, Iñárritu contou con persoas que viviron esas historias, non con actores. Chachi Ramírez

A experiencia de realidade virtual «Carne y arena», dirixida polo director mexicano Alejandro G. Iñárritu e que chega por primeira vez a España, está instalada ata o 18 de setembro no Museo Gaiás

12 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Séntese a area fría nos pés nus. É de noite no deserto para cruzar desde México a Estados Unidos. Unha ollada cara arriba e sobrevoa ao lonxe un helicóptero. Non estás só nesa paraxe inmensa, senón que te convertes nun máis na fuxida dun inferno para buscar un horizonte mellor. Ao carón do hondureño Yoni, da guatemalteca Lina, do mexicano Luis, da hondureña Carmen, do salvadoreño Amaru... Un máis ante as luces dos coches dos axentes da Patrulla Fronteriza e dos cans que non paran de ladrar. Un máis na dirección cara a onde apunta o foco e o fusil do axente. Como un inmigrante ilegal máis se chega a sentir por máis de media hora o que desde o 1 de xullo pasa polo andar primeiro do Museo Gaiás para vivir a experiencia de realidade virtual Carne y arena. Virtualmente presente, físicamente invisible, do oscarizado director mexicano Alejandro González Iñárritu. O proxecto chega por primeira vez a España tras pasar por Os Ánxeles, Washington, Dallas, Montreal, Amsterdam, Milán, México e Cannes para converterse nun dos grandes referentes este ano da programación expositiva deseñada pola Xunta con motivo do Xacobeo 2021-2022 e na programación do décimo aniversario da Cidade da Cultura.

A proposta inmersiva —que foi premiada cun Oscar especial no 2017— mete ao visitante do Gaiás na pel dos ilegais, dos refuxiados, deses que se ven forzados a abandonar a súa casa, a súa familia, en busca dun horizonte mellor noutro país. E introdúceo desde o momento que cruza a primeira porta de acceso a unha sala branca onde hai que quitar os zapatos e os calcetíns. O chan está frío e sobra o tempo para observar zapatos, moitos desgastados, outros cheos de po, pero tamén algúns novos... Eses que foron quedando atrás na travesía dos seus donos cara outro país. Alumea a luz vermella. É o aviso de que hai que abrir unha nova porta para continuar a experiencia. Da luminosidade pásase a unha sala escura con chan de area na que se recrea as historias de persoas reais, esas que camiñaron exhaustas durante dous ou tres días polo deserto. A de aquel que non era quen de dar un paso máis porque unha espiña se lle cravara nun pé pero que acabou envolvéndolle a camisa ante a ameaza do coiote —persoa que os metía no país— de acabar alí mesmo coa súa vida, ou a que levaba esponxas nos pés para non deixar pegadas.

Historias reais

Non todo remata despois de meterse na pel dos migrantes, que tamén poderían ser aqueles que cruzan o Mediterráneo nunha patera. Tras quitar os cascos e as gafas da realidade virtual, aínda queda un chanzo máis: meterse no seu corazón. Os rostros recreados coa última tecnoloxía transfórmanse nesta parte final en retratos que miran cara a cara para contar a súa experiencia. Coma Lina, de Guatemala, que quedou viúva con cinco fillos de entre 3 e 8 anos, que, finalmente, conseguiu reunir con ela en Estados Unidos. Iso si, a filla que deixou con 3 volveu a vela cando tiña 23. Ou Luis, un mexicano de 36 anos, que foi o primeiro graduado indocumentado da universidade de California. Aínda que casou cunha estadounidense e é pai doutra, a súa situación segue sendo a dun inmigrante irregular. Tamén a historia desa nai que fuxiu co seu fillo pequeno para que o pai non acabase con el, os que escaparon das fauces de pandillas... Pero tamén está a voz dun axente da Patrulla Fronteiriza: John. Ese que non esquece a un grupo inmigrantes deshidratados á hora de máis calor e que fai un chamamento a comprender e a empatizar.

«Más que empatía, hay algo más importante. [Esta experiencia] da la oportunidad de acercarnos a algo más profundo, que es la compasión. La empatía es entender al otro, la compasión es serlo», explicaba o día da inauguración o cineasta mexicano conectado desde Os Ánxeles. O gañador de catro premios Oscar engadía que «nadie deja su país, su cultura, sus familias, sus amigos, por un puñado de dólares. Ya no es el sueño americano, es la pesadilla americana, pero están dispuestos a vivir la pesadilla porque lo que dejan atrás es un infierno».

Para o proxecto de realidade virtual, o director deixou claro que non hai actores, senón que se trata de «historias reales representadas por las personas que las vivieron. Hasta algunas de las ropas que llevan son piezas que usaron al cruzar la frontera».

Promotores como laUrene P. Jobs

Este proxecto de realidade virtual que pode verse por primeira vez na península ibérica ata o 18 de setembro está producido por Legendary Entertainmet, Emerson Collective —presidida por Laurene P. Jobs, viúva de Steve Jobs e encargada de xestionar o seu legado— e Fondazione Prada, en colaboración con PHI Studio e chega a Galicia da man da plataforma cultural 90_20.

Para mergullarse na travesía xunto a inmigrantes e refuxiados para cruzar a fronteira entre México e Estados Unidos hai que reservar entradas a través de Ataquilla.com. Custa 9 euros, máis gastos de xestión. Hai un máximo de 75 persoas por día, xa que en cada quenda horaria unicamente poden participar tres. Cada unha delas vive a experiencia de realidade virtual de xeito individual, pois hai tres salas diferentes. En xullo esgotáronse os dous mil tiques e agora están á venda ata o 18 setembro para aqueles que queiran seguir o consello de Leonardo DiCaprio cando o proxecto estivo en Washington: «Non perdas o incrible e premiado traballo do meu amigo Iñárritu. Carne y arena mergullarate na vida dos inmigrantes e refuxiados que buscan unha vida mellor». Iso si, hai limitacións. Non se permite o acceso a menores de 14 anos e non se recomendada a persoas con problemas cardíacos ou antecedentes de convulsión e epilepsia.