María Canosa: «A lingua é máxica, canto máis se usa menos se gasta»

FUGAS

Ana García

A escritora, premio Rosalía de Lingua, brilla neste 2022 cunha chea de obras e premios, que son froito dun percorrido literario de máis de 25 anos

24 jun 2022 . Actualizado a las 20:52 h.

María Canosa Blanco (Cee, 1978), enxeñeira de camiños, celebra este ano o 25.º aniversario da publicación do seu primeiro libro (que escribira de adolescente). Neste tempo xa superou o medio cento de obras publicadas, de temática es estilos moi variados, froito dun tesón pouco habitual nas letras galegas. Neste 2022 segue esa produción fecunda, que de momento xa lle ten dado máis obras e máis recoñecementos.

­—Vaia ano leva: o premio de Teatro Anisia Miranda, a publicación de «María Casares, a impaciencia por vivir», a feira do libro de Bos Aires, premio Follas Novas de Divulgación, a feira do libro de Madrid, o Premio Rosalía de Lingua…

—Un bo ano, si, non o podo negar. Os tempos deste oficio son así, imprevisibles e impetuosos, nada técnicos... Chegou todo xunto, pero, realmente, é froito de moito traballo detrás. Levo moitos anos sachando e este tocou recoller algo do sementado. Anima a seguir, é como un agarimo que fai que creas un pouquiño máis en ti, axuda a afianzar no camiño elixido. As dúbidas son moitas e así parece que unha non errou nas decisións.

­—Iso da «impaciencia por vivir», como reza no título da biografía ilustrada dedicada a María Casares, podería aplicarse tamén aquí?

—Para nada! Cos anos fun gañando paciencia e tamén sosego. Algo aínda queda, pois ás veces quéimame nas mans ter proxectos inacabados e non atopar tempo para dedicarlles, o que non é o mesmo que facelos ás carreiras. Mais a miña escrita sempre funcionou un pouco así, adaptándome ás circunstancias da vida, que foron ben diversas. Iso si o comparto con María Casares. Que gran muller! Para min o importante é chegar ao corazón dos lectores, ás súas cabezas, e esa meta non entende de impaciencia.

­—Precisamente o libro dedicado a Casares é a segunda biografía que fai, tamén da man de Bululú e da ilustradora Bea Gregores, un campo que ata hai pouco non tiña moi explorado, como o teatro ou a ciencia. Tamén lle deu este 2022 por abrir o abano temático?

—Realmente, sempre fun facendo cousas diferentes, retándome a min mesma, probando. Pero nunca deixei de lado a escrita de ficción orientada ao público infanto-xuvenil. Gústame explorar os límites. No caso dos libros de divulgación, foron propostas das editoriais, pero é certo que levaba un tempo dándolle voltas á divulgación, en concreto para os máis novos, e traballando en pequenas actividades ao caso. Como traballadora da nosa cultura, síntome responsable de dar resposta a certas demandas. Este campo necesita un pulo, así que non había moito que pensar, só poñerse a traballar. Seguramente, continúe por este vieiro, pero non quero deixar de escribir novelas, para grandes e pequenos.

­—O Premio Follas Novas levouno por un libro de divulgación científica. Nun dos seus perfís de redes, di que está «entre a mazá de Newton e a mazá de Brancaneves». Unha premonición?

—Pode ser! Noutro perfil teño por lema Sempre o mar. Resúltame difícil definirme en poucas palabras. As persoas non somos seres estáticos. O noso estado de ánimo e a maneira de proceder varía en función do tempo, das circunstancias, das experiencias... Fuxo de polarizar as cousas, de separar en ciencias e letras, arriba e abaixo. Defíneme bastante.

—Non é de expoñerse en redes sociais?

—Nas redes ultimamente vexo moita polarización, posicionamentos extremos. Habería que mirar ben se merecen o adxectivo de sociais... Estanse convertendo en lugares de moito berrar e pouco escoitar, e de clasificar as persoas por unha presada de caracteres. Vivo un pouco allea a elas, cada vez máis ao ver que agroman moitos círculos herméticos nos que, se non entras, parece que xa quedas excluído. Eu sempre fun de sumar, de tomar a diversidade como unha riqueza, de navegar entre augas, ou entre mazás!

­—Podería dicirse que o Premio Rosalía recolle un pouco todo iso?

—Si. É un premio fermoso. Valora a traxectoria dunha persoa no seu traballo a prol da lingua. Entendo que, no meu caso, recoñecen o aspecto científico, o literario, o audiovisual, os artigos de prensa... incluso o teatro. Todo o que fago, e fixen, na miña lingua, a nivel público e particular. É unha forma de ser. Hai cousas que non se ven, pero van cargadas de sentido de responsabilidade, como facer o proxecto final de carreira en galego, nun tempo no que non había bases de datos nin recursos dos que tirar na lingua propia, o galego era practicamente inexistente na enxeñaría e ciencia.

—Nun artigo que publicou neste xornal, invita a sacar a lingua a pasear.

—Nisto da lingua non fai falta berrar, as cousas que se fan ao calado acaban por transmitirse igualmente, como educar as miñas nenas en galego. A lingua ten esa característica máxica de que, canto máis se usa, menos se gasta. Ao contrario, máis reloce.