O avogado vendedor de seguros, xamóns e calzado fino
«Cando chega a México, el non quere dedicarse á avogacía, que é a súa profesión. Cando cruza o Atlántico, unha vez alá, colle o título de avogado e gárdao nun caixón, e nunca máis! Entón, o que fai Delgado Gurriarán é gañarse a vida co que pode. E faino traballando como axente comercial de diferentes produtos, sobre todo produtos españois, a comunidade coa que tiña contacto: aceite de oliva, xamóns, calzado que viña de España. Nunha visita á zapatería na que el amosaba o seu produto alí estaba Celia, unha muller ademais descendente de galegos, coa que empatiza... e acaba triunfando o amor! De aí naceron os cinco fillos que tivo a parella. O que demostra a iniciativa de Florencio Delgado Gurriarán de buscarse a vida onde fose, como fose», relata Héctor Cajaraville, gran divulgador nas aulas dos homenaxeados nos Días das Letras Galegas.
O poeta foi o intermediario dos distintos exilios que había polo mundo adiante, e do exilio interior (dos que quedaron en España), segue a subliñar Cajaraville, que, aos non iniciados no poeta de Córgomo, recoméndalles comezar polas pezas de vertente máis humorística. «El ten poemas que son caricaturas! Sobre todo, caricaturas de franquistas, do goberno fascistas... E se punto de humor que el ten en case toda a súa obra literaria, esa retranca, é un punto de conexión».