Memoria de naufraxios desde a entropía

Ramón Nicolás

FUGAS

08 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Demorou case dúas décadas María Besteiros en ofrecer un novo libro. Tras Zoonose (2004), galardoado no Premio Eusebio Lorenzo Baleirón, achéganos A lista da compra: un volume afastado de compracencias, organizado como unha memoria de naufraxios que, ao tempo, afonda nas cicatrices que as experiencias vitais encerran. Ideado, talvez, como un intento de fuxida cara a ningures que, con todo, repara no poder salvífico que simboliza a palabra. O título aproxímanos ao ámbito do cotián, inserido na contorna doméstica, desde a que se transita cara aos eidos da violencia, sexa esta psicolóxica, obstétrica ou institucional, mais extensible, en xeral, ás violencias que sofre o corpo da muller, nomeado con recorrencia nos máis dos poemas que conforman este libro e que entendo de mans dadas co concepto de entropía, isto é, aquel que expresa a medida da desorde dun sistema.

A tensión que se xera en cada poema, adozada por relampos de ironía e acaroado en ocasións a suxestivas imaxes visionarias, xestiónase grazas a unha escolla léxica, moi significativa, que se constrúe sobre o amentado concepto do corpo. Un corpo habitado, tantas veces ocupado e compartido: unha realidade descrita con «formas coralinas da deusa da fertilidade» que adopta a imaxe dunha morea de pedras caídas e esborroadas, arrincadas por un tractor. Un corpo, en fin, exhausto e vencido; pero que resiste, onde aniñan fantasmas e que se converte no lugar desde o que se extirpa unha parte para que logo alguén organice «as miñas entrañas».

A casa preséntase como outro núcleo central do libro. Unha casa que pesa e que atrapa, onde hai fotografías «sen min»; concibida como lugar do desterro e como núcleo da claudicación. Desde ela o naufraxio adquire un sentido cabal; desde ela cuestiónase o día a día, o porqué das inercias e das tarefas que non son inocentes. E xunto a este motivo destaca o do mundo natural, inserido como unha continuidade do anterior para entretecerse con outros como o paso do tempo, a incomunicación, a soidade, a vivencia do baleiro e, sobre todo, esa apelación continua á forza das palabras, aquelas que se din e as que se silencian. Saúdo este retorno de María Besteiros, á espera xa dunha máis regular continuidade.