Os seus comezos como docente en Viana do Bolo remataron co mestre expedientado e inhabilitado para exercer en Galicia. O IES ourensán leva dende hai anos o seu nome
12 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Cousas da vida, que remataría por deducir un clásico da literatura, o pensamento e a política galega. Carlos Casares confesou no seu día a Ramón Piñeiro que non tiña vocación para o ensino, aínda que como moitos dos seus compañeiros de licenciatura en Filosofía e Letras, e de xeración, o mozo ourensán encetou a súa experiencia laboral no sector educativo e logo do seu pasamento foron varias as comunidades educativas que promoveron que o seu centro levase o nome do escritor: dous institutos —en Viana do Bolo e Vigo— e tres colexios —Alxén (Salvaterra de Miño), Nigrán e Xinzo de Limia— teñen esa denominación. Carlos Casares comezou na docencia na Escola de Secretarias de Ourense, iniciativa creada pola Caixa de Aforros Provincial de Ourense, e da cidade marchou para un colexio en Viana do Bolo. A primeira experiencia cos rapaces non foi boa: o mestre novo e reivindicativo rematou acusado de comunista por defender que os nenos pobres da vila puidesen acceder aos servizos do comedor escolar. Non eran os mellores tempos, na altura daquel 1970, e na batalla cos poderes establecidos a corda rachou polo cabo máis feble. A loita, que contou mesmo cunha obra de teatro escolar polo medio, tivo mal resultado; expedientado, despedido e inhabilitado para exercer a docencia en Galicia a solución pasou pola súa marcha cara a Bilbao, onde deu continuidade á súa faceta como docente. Cousas da vida, o antigo destino do escritor é hoxe o IES Carlos Casares de Viana do Bolo e o ourensán foi dende o primeiro momento o centro educativo que, nun acto de xustiza, reivindicou ao seu antigo mestre. Da cidade alonxárase por un desengano amoroso e aquela catarse de Viana foi o tempo no que se mergullou na escrita para rematar os seus Xoguetes para un tempo prohibido.
O mesmo centro que dirixiu o pai
De Euskadi volve o profesor Casares para Ourense, onde se pechou a estudar para preparar as oposicións. O primeiro destino foi Cangas, pasando logo ao instituto Santo Tomé de Freixeiro. No centro educativo de Vigo integrouse no horario nocturno, para poder compatibilizar a docencia co seu traballo na Editorial Galaxia. Da súa etapa no mesmo é a famosa anécdota na que lle recomendou a un alumno que se deixase de tanto fútbol e que estudase, que unha persoa sen estudos non chega a nada na vida. Míchel Salgado, exlateral do Real Madrid, ten lembrado en varias ocasións aquel episodio.
Se hai un centro educativo co nome do autor de Ilustrísima que lle aporte un valor engadido e un profundo simbolismo á denominación ese é o CEIP Carlos Casares de Xinzo de Limia. José Carlos González Fernández, Rochi Nóvoa e Pilar Blanco —director, secretaria e conserxe do centro respectivamente— inciden na oportunidade da celebración do vinte cabodano do pasamento do escritor para reivindicar o seu legado e a súa figura. Rochi Nóvoa, docente e poeta, coñeceu ao escritor e coincidiu con el nalgunha ocasión; lembra que a súa presenza percorre as actividades que se fan nalgunhas materias nun colexio con catrocentos matriculados. Ao tempo que precisa que a coincidencia co Día de Rosalía, o entroido —Xinzo é un dos vértices do triángulo máxico da festa, que despediu o 6 co Domingo de Piñata—, e o 8M fai que se vaia á présa na organización de actividades.
Pilar Blanco, camiño dos vinte anos no centro, recorda que o colexio mudou o seu nome de Sergio Mascareñas, antigo inspector de Educación, polo de Carlos Casares e que precisamente no colexio xa houbo un docente histórico co mesmo apelido, xa que Francisco Casares Dacal —o pai do escritor— foi director do centro durante máis de trinta anos. Ámbalas dúas circunstancias «serán un aspecto a destacar na celebración dos 50 anos do colexio, que se conmemorarán no 2024», apunta o director.
Numerosos espazos públicos
A morte temperá do escritor, articulista e dinamizador cultural tivo unha grande repercusión en Galicia, e esa circunstancia fixo que foran moitos os concellos, asociacións ou institucións que decidisen lembralo. Son vintesete os municipios galegos onde hai unha rúa, praza, local social, paseo ou espazo público dedicado co nome de Carlos Casares.
Leer más: Pestes