O lector que habitaba no futuro

FUGAS

Carlos Casares na súa casa de Nigrán, en xaneiro de 1997.
Carlos Casares na súa casa de Nigrán, en xaneiro de 1997. M. MORALEJO

Carlos Casares converteuse durante case dúas décadas nun observador literario que avogaba por derrubar prexuízos e dialogar en igualdade con outras culturas

10 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre 1975 e 1992, Carlos Casares mantivo nestas páxinas A ledicia de ler, un espazo onde exercía a crítica literaria compartindo reflexións ao redor dos libros e a súa relación coa sociedade. Achegarse de novo a eses artigos, escritos entre os derradeiros días do franquismo e a consolidación da autonomía, serve para entendermos mellor unha condición de lector sempre atento, teimudo no seu carácter conciliador, mesmo cando se amosaba severo no xuízo. Tamén, para comprobar ata que punto desexaba que a literatura en galego da época derrubase algúns muros mentais —non de todo desaparecidos a día de hoxe— que a cercaban con ameaza de asfixia.

O autor de Vento ferido nunca se sentiu un crítico convencional, senón alguén que facía «exercicios de lectura» na prensa dende o seu entusiasmo polos libros. Con ese espírito, por exemplo, foi quen de confirmar a altura literaria dun Méndez Ferrín aínda moi novo, en 1976, que viña de publicar Antón e os inocentes e Con pólvora e magnolias. Sen caer na compracencia, Casares tamén celebrou en 1977 o talento do primeiro Anxo Rei Ballesteros, quen acababa de dar a luz Dos anxos e dos mortos. E un ano máis tarde, aplaudindo a distancia que marcaban con certa retórica moralista en curso, entendeu a audacia de Rompente e o seu Silabario da turbina. Tres referencias, aínda que con diferente pegada, para as xeracións posteriores.

«A narrativa galega pasa por un momento de desorientación», advertía en 1980. Superados os artificios do Nouveau roman, os mozos estaban volvendo á vontade de contar cousas e crear personaxes, e ao crítico parecíalle o camiño axeitado. Pero avisaba: «Non abonda con narrar. Hai que facer literatura». Ese equilibrio entre transparencia no estilo e calidade literaria que o propio Casares iría exhibindo na súa obra. «Hai como un medo en moitos dos nosos escritores a ser sinxelos. Detrás está o fetiche da escuridade como sinónimo de fondura», insistía en 1982. Daquela había quen defendía a necesidade de escribir novelas longas para paliar unha presunta «incapacidade metafísica» dos narradores galegos para estenderse. A Casares facíanlle graza eses complexos.

Complexos, por suposto, que tamén tiñan outros. Se en máis dunha ocasión alertou sen ambaxes dos perigos do cantonalismo cultural, lamentando a «atonía desesperante» dun mundo editorial galego que aínda non se abrira ás traducións e a un diálogo máis efectivo con outras literaturas, tampouco perdeu a oportunidade de sinalar os que vían «provincianismo» nas mal chamadas culturas autonómicas. «Poucas pedanterías son máis insufribles que aquelas que practican sistematicamente o culto ao foráneo», sentenciou en 1984. Desa actitude afectada dalgúns escritores en castelán falaba o mesmo Casares que, apenas catro anos antes, lle dedicara palabras moi duras a quen boicotearan a investidura de Álvaro Cunqueiro como doutor honoris causa pola Universidade de Santiago.

Mestura de ironía e esperanza

Entre 1988 e 1989, consecuencia da reorientación vital e profesional que debeu afrontar neses anos, tal e como apunta Dolores Vilavedra no limiar á compilación dos artigos, Casares abandona a súa cita con A ledicia de ler. Regresará a mediados de 1990, xa sen interrupción ata 1992, pero con novos propósitos. A actualidade cultural do país deixa paso agora a interaccións con outras literaturas, onde comparecen os nomes de Anita Loos, Ernst Jünger, Nélida Piñón, Dashiell Hammett ou Ernest Hemingway. Pezas de gran erudición que o autor aproveita para revelarse, unha vez máis, coma un dominador da arte de contar anécdotas.

O 4 de xuño de 1992 despediuse da sección sabendo que contribuíra a asentar unha crítica xornalística que trinta anos despois se enfronta a outros horizontes. Satisfeito por ter logrado adiantarse no tempo e sinalar problemas que hoxe seguen sen resolverse, coma se en realidade fose un lector que interpretaba o presente habitando xa no futuro. Camiñara con naturalidade entre centos de lecturas que seguirían afiando esa insubstituíble mestura de ironía e esperanza que semella non perder a súa vixencia: «Despois de todo, contarlle a outro as impresións que lle causan os libros que le non ten que ser un incordio, aínda que ás veces o crítico acabe sendo un tostón».