«¡Cuánta perversión encierra la nostalgia! Cualquier desgracia evocada se tiñe de fraudulenta felicidad». Lin os estupendos relatos que compoñen Los años borrosos (Trea), de José María Pérez Álvarez, Chesi, e pechei o libro remoendo esa reflexión apuntada polo narrador en Bonjour, tristesse, unha peza de humor descarnado en homenaxe a José Luis Cuerda. A memoria, efectivamente, tende a enganarnos con felicidades que non foron, un mecanismo que se activa con máis enerxía cando o presente se tingue de gris e deixa de respondernos. Non é ese o caso do que relata Chesi regresando a unha infancia en plena España franquista, sometida ao xugo nacionalcatólico que aquí encarna un feroz xesuíta con olor a Varon Dandy e tabaco mentolado: en Los años borrosos, ademais dun estilo brillante, triunfa unha ollada que se abraza ao grotesco para combater o posible arrouto melancólico. Porque non hai nostalxia posible, vémolo de novo estes días, cando se inflama o terror que tantos cregos inflixiron durante anos con absoluta impunidade.
O humor máis desenfreado e doloroso, intrépido na súa lucidez, que se atreve con todo, é un estadio superior da intelixencia. Un cortalumes contra eses incendios da melancolía que nos conducen a evocar, en efecto, escenas de felicidade que nunca existiron. Rematei de ler Los años borrosos e pensei tamén nas virtudes do sarcasmo cando se desata en forma de autodefensa, quizais por sofisticación dun instinto que noutro tempo debeu operar con resultado de sangue: nesa sensibilidade abrasadora, cargada de ironía ante as brétemas do tempo, coa que Chesi atacou estes vibrantes relatos. Unha escolopendra xoga en «La caja de castaño» a agocharse no nariz dunha nena defunta. A imaxe doe, pero algo feramente humano palpita en segredo. Por moi sórdidas que sexan as paisaxes da memoria, por moi escuros que sexan os traumas que permanecen durmidos en nós, sempre haberá quen lles arrinque un retrinco de beleza.