Suscríbete 1 año y te regalamos 140 días gratis
Quiero la oferta

Almudena e outra vez os cavernícolas

Diego Ameixeiras FUGAS

FUGAS

Almudena Grandes, en una imagen de archivo del 2017.
Almudena Grandes, en una imagen de archivo del 2017. BENITO ORDÓÑEZ

07 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Comezou o ano coa xente na praia e o alcalde de Madrid recoñecendo que Almudena Grandes, na súa opinión, non merece ser filla predilecta da cidade. Dous fenómenos que confirman a catástrofe climática e a insistencia na estupidez de certos políticos, dramas estelares deste tempo. Por suposto que o arranque non puido ser peor, entre a calidez terrorífica das primeiras noitiñas de 2022 e un señor que manda presumindo de ser máis ruín cá carne do pescozo, que dicían os vellos. A sorte é que, con esta saída dos vestiarios, agora xa só podemos ir endereitando o camiño. Teño fe de que veñan unhas ingobernables xeadas a poñer o clima no seu sitio e de que pasemos felices fríos. Non tanto de que o alcalde entenda a Albert Camus: «O papel do escritor é inseparable de difíciles deberes. Por definición, non pode poñerse ao servizo de quen fan a historia, senón ao servizo de quen a sofren».

Ese desprezo por parte da aspereza en curso a unha escritora que non era da súa corda —puro sectarismo—, lévame a pensar máis ca nunca na necesidade de acudirmos aos libros para nos poñer a salvo dos embrutecidos, moito máis se ostentan cargos públicos: aqueles incapaces de entender que a arte é patrimonio de todos alén de credos e ideoloxías. Quen le ou escribe dende o corazón sabe que a literatura é unha cousa sagrada que no seu brillo máis alto excede unha análise moral ou política. Claro que pode tomar parte, faltaría máis, e soster xuízos ou valores que non compartamos e ata nos resulten lamentables; pero está aí, en última instancia, como a man dun amigo que aparece de madrugada para salvarnos a vida. Que é o que o consegue a boa literatura coas almas libres, independentemente de que estea escrita por alguén co que xamais compartiriamos confraría ou sindicato.

Debe de ser por iso que teño sobre a miña mesa un menú variado, intúo que con propiedades salvadoras, agardándome para superar a inminente costa de xaneiro: as novelas Thérèse Desqueyroux (Hugin e Munin), de François Mauriac, en tradución de Xavier Senín, e Oito días sen Eva Cortés (Galaxia), de Sara Vila; o ensaio A xustiza pola man. Violencia e conflitividade na Galicia contemporánea (Xerais), coordinado por Francisco J. Leira-Castiñeira e Miguel Cabo; e os relatos Los años borrosos (Trea), de José María Pérez Álvarez, Chesi. Os que un día aprendemos a non desairar unha obra a partir do prexuízo ideolóxico estamos seguros de que a literatura aínda aspira a salvarnos de algo. De nós mesmos, por suposto. Pero aínda máis dos atravesados que alardean sen freo da súa condición cavernícola.