Con ela aprendes galego na cociña

FUGAS

Noemí García chama «larandicas» aos consellos de lingua que dá no seu blog e conta de Instagram «Media Laranxa», que comparte receitas tradicionais e novidosas.
Noemí García chama «larandicas» aos consellos de lingua que dá no seu blog e conta de Instagram «Media Laranxa», que comparte receitas tradicionais e novidosas.

As galletas da serie «El juego del calamar» son o vindeiro reto da autora do blog «Media Laranxa». Deixa a «sartén», coa «tixola» gaña a lingua!

12 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Como lle chamas a quitarlle a casca a unha castaña? Que fas coas pebidas da cabaza (teñen un montón de propiedades)? Sabes o que é recuncar?

A asesora culinaria e lingüística Noemí García fixo un blog, que é tamén canle de YouTube e podes atopar en redes como Instagram e TikTok, no que entre receita e receita saboreamos léxico galego e recoñecemos erros lingüísticos. Digamos que con Media Laranxa a clase de lingua está servida na cociña. Pon o mandil e proba como se alimenta o coñecemento do idioma á vez que preparas un colar de zonchos, bica de castañas, brownie con amorodos, dalkys ou compota de mazá con crocante de chocolate. Es máis de salgado? Ela tamén dá, entre outras, a súa receita de lentellas, a de lasaña de cabaza ou a súa pizzaflor.

«Todo comezou na pandemia. Quería facer receitas virais, modernas, para saír un pouco do tradicional, mais decateime de que na nosa lingua non había moitas e algunhas que había non tiñan a calidade lingüística que o galego merece», conta a filóloga, que di que na Rede vense moitas receitas con castelanismos, que inclúen palabras que non son galegas, «como fresas en lugar de amorodos».

A cociña lingüística de Media Laranxa ten unha boa masa nai. A autora deste blog «para comerse a lingua» fixo Filoloxía Hispánica e Filoloxía Galego-Portuguesa, foi criada na casa en galego e cos amigos relacionábase en castelán. Pero xa na Universidade da Coruña coincidiu con moita xente que tamén falaba galego na casa e iso foi para ela «un choque cultural importante» que a fixo vivir, definitivamente, na súa lingua nai, en galego.

De caste lle vén a man para a cociña a Noemí, que tivo «grandes mestras na casa». Moitas das sobremesas que comparte en Internet son receitas da súa avoa ou da súa nai. A conta de Media Laranxa «é un anaquiño da colección de receitas da casa». As tradicionais son as súas favoritas, porque teñen unha historia detrás: «As chulas de cabaza fan que me lembre da miña avoa. Encántanme as filloas da miña madriña e o cheiro a canela das mazás asadas lévame a casa».

non precisas nivel «masterchef»

Mais ela tamén innova. «Se hai unha receita viral, intento facela en galego. Agora que está de moda El juego del calamar, vou ver se fago a receita das galletas da serie. Tento incorporar ao de sempre as novidades. Quero que a xente teña a oportunidade de facer esas receitas sen perder a oportunidade de falar en galego», explica.

A clase é rápida e sinxela. «Para min é importante que poidas atopar todos os ingredientes da receita preto da casa. As miñas receitas non requiren un nivel MasterChef, busco que sexan rápidas, sinxelas e que poida facelas todo o mundo». Tampouco precisamos o nivel RAG para aprender galego, non? «É imposible falar un español normativo sempre, e é imposible falar o galego da Real Academia Galega, pero si podemos empregar palabras de noso. Por que usar sartén se temos tixola?

Os seus consellos lingüísticos teñen nome propio, son larandicas, unha sorte de pílulas léxicas entre as que recupera palabras que non se coñecen moito actualmente, como recuncar ou amoado (termo específico que temos só no galego para a masa do biscoito). «Intento recuperar esas palabras, compartilas coa xente. Amoado, por exemplo, creo que en español non existe. Os chícharos para min, que son de Lugo, son ervellas, noutros sitios son pericos... Gústame dar a coñecer todo o léxico que temos en Galicia».

No súper, Noemí bota en falta maior presenza da nosa lingua; adoita atopar merluza no canto de pescada. «É unha magoa», lamenta a filóloga larpeira. «Pero hai comercio que aposta polo galego, como o Graneiro de Amelia, que ten todos os produtos en castelán e en galego. E hai produtos como os de Deleite que teñen a etiquetaxe en galego. Usar o galego no que consumimos todos os días é unha boa medida normalizadora», afirma.

Hoxe hai interese por cociñar o futuro do galego, «unha lingua non só para o folclórico e o cultural. O galego é unha lingua que vale para facer unha pizza e calquera prato vexetariano», conclúe Noemí García. Ingredientes claves son a normalidade e o gusto. Se fas un biscoito de mal humor... que pasa? «Non sae», di a mestra lambona. O mesmo pasa coa lingua.