Madrid, esperanza e desencanto

Diego Ameixeiras

FUGAS

Arturo Lezcano no 2013
Arturo Lezcano no 2013 Santi M. Amil

24 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai moitas virtudes na estupenda crónica Madrid, 1983 (Libros del K.O.), do xornalista coruñés Arturo Lezcano. O libro devólvenos con pulso firme a un tempo de ilusión e desenganos, entre o carisma de Tierno Galván e a explosión da heroína, cando a capital quixo vestirse de modernidade sen despoxarse das sombras que pervivían do franquismo, especialmente na xustiza e nas forzas policiais, cuxa escuridade alcanza os nosos días. Por non falar das enormes bolsas de miseria que aínda se estendían por algúns barrios, onde pronto se desencadearían protestas que o autor recupera na voz dos protagonistas, como a emblemática loita da veciñanza de Orcasitas. Pero no retrato da cidade convulsa destaca, na miña opinión, a conmovedora recreación do accidente dun Boeing 747, preto de Barajas, o 27 de novembro de 1983, que cubría a ruta entre París e Madrid. Un episodio fatídico sobre o que caen todas as miserias da época, véxase a absoluta falta de medios para facerlle fronte á catástrofe, a deshumanización e o posterior manto de silencio. Houbo 11 superviventes e 181 vítimas, entre elas o escritor Jorge Ibargüengoitia, que se dirixía a Bogotá canda outras personalidades para participar nun encontro cultural. A reconstrución de Lezcano provoca arrepíos.

A lectura de Madrid, 1983 serve para achegarse a un momento onde se cruzan nun punto do mapa o camiño da reconversión industrial, as renuncias máis ostensibles do PSOE, a expropiación de Rumasa, o terrorismo de ETA, a acción das mafias policiais ou a delincuencia quinqui, pasando polas liberdades que trouxo de súpeto a chamada movida, atravesada polos efectos dunha droga, a heroína, que asolou unha xeración enteira. Pero é imposible percorrer as súas vibrantes páxinas sen pensar alén dos movementos da capital -a cara máis visible, sen dúbida, do que supuña a consolidación definitiva do novo réxime-, e non advertir as consecuencias do sucedido de norte a sur en toda España, cun Madrid como catalizador omnipresente, iso si, das contradicións que ían protagonizar o debate público durante o resto da década. Lezcano acertou de cheo no xeito de mirala e na transparencia para contar o instante en que un país pisou a fondo o acelerador. Tamén, no retrato dun tempo onde tan doado era ilusionarse como caer na decepción absoluta. Unha delgada liña sobre a que constrúe unha crónica soberbia.