Os grupos galegos que o rebentan

CARME D. PROL / A.A

FUGAS

Verto, Ortiga ou Tanxugueiras refrescaron unha escena musical na que conviven con éxito xéneros urbanos e tradicionais. Triunfan, en galego, alá onde van

17 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Este verán os carteis dos festivais galegos compartiron varios nomes estrela: Verto, Ortiga, Tanxugueiras e Baiuca encheron os limitados aforos, consolidándose como os grupos fortes da escena musical. Á súa vez, conviven con outros músicos veteranos, como Guadi Galego ou Familia Caamagno nun panorama cada vez máis rico. A fusión entre referentes tradicionais e urbanos e unhas letras en galego que conectan cos mozos son as claves para que estes grupos non paren de soar.

Como representantes desta onda de artistas están Verto, o dúo formado por Fer e Berto, dous amigos que se coñeceron estudando Medicina e empezaron a facer música por afección. Agora triunfan alá onde van. Teñen un estilo no que podemos ler referentes da música actual e tamén de décadas pasadas e letras que falan de ti a ti ao seu público, maioritariamente novo. Manuel, mánager do grupo desde a discográfica Tremendo Audiovisual, destaca «o diálogo tanto de Verto como doutros grupos como Boyanka Kostova coa música urbana e o feito de que o fan en galego» como algunhas das razóns do seu éxito. «Achegáronse a moita xente que non adoitaba escoitar música en galego e mesmo comezaron a falalo habitualmente motivados por eles», conta Manuel.

Ortiga presentou novo disco
Ortiga presentou novo disco Sandra Alonso

Pepe Cunha, responsable do blog Ábrete de Orellas, celebra o éxito de grupos como Tanxugueiras, Ortiga ou Verto. «Hai que aproveitar a visibilidade destes grupos para afianzar unha escena e que ver músicos galegos nos festivais sexa normal». Este camiño, tamén fóra de Galicia, é o que leva uns anos abrindo Novedades Carminha. O seu mánager, Josiño, de Ernie Records, defíneos como unha banda «fresca e impactante en directo». Hoxe están consolidados no panorama nacional e Ortiga era o chamado a seguir os seus pasos: «Iba encaminado a posicionarse bien en España, pero la pandemia lo frenó y ahora vuelve con otro disco». Dos músicos mencionados, quizais Ortiga sexa o que máis anima ao público para moverse, xa que, nos seus concertos, como relata Josiño, «o que non baila é o que chama a atención».