O Museo Cabanillas: unha casa para todos

FUGAS

Martina Miser

Neste verán atípico, Cambados ten un atractivo máis, un espazo para unha das figuras máis grandes de Galicia

13 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

día do 145.º aniversario do nacemento do poeta Ramón Cabanillas, inaugurouse en Cambados o museo que recorda o seu veciño máis ilustre. Van alá dous meses dende que se cumpriu o soño da súa neta, Pitusa Vidal Cabanillas, que reivindicaba un espazo digno para coñecer o avó. Coa mesma, non releou esforzos nin xenerosidade ao ceder libros, fotografías, documentos e pertenzas persoais que nos permiten achegarnos non só o gran autor que foi, senón a persoa.

Neste verán atípico, de seguro moitas persoas aproveitarán para achegarse á capital do Albariño e entón poderán descubrir que conta cun atractivo máis: un espazo para o «primeiro grande poeta e escritor monolingüe da historia de Galicia», en palabras de Méndez Ferrín. Un fascinante paseo polo «camiño longo, camiño da súa vida», marcado polo compromiso galeguista e a súa escrita renovadora.

«Quero na lousa que me de sosego/ esta palabra que ten luz: Poeta/ e esta palabra que ten ás: Gallego». As dúas palabras claves do seu epitafio (poeta e galego), xunto con outras dez (desterro, escena, prelo, fouce, familia, fe, Cambados, irmáns, canto e sempre), proxéctanse con luz sobre a mesa, colocada no centro da sala, na que Cabanillas traballaba cando estaba na casa familiar da rúa Real de Fefiñáns e onde rematou o seu derradeiro poemario, Samos.