Xackal, a electrónica galega nunha dimensión tarantinesca

FUGAS

cedida

06 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Resulta hoxe arriscado falar en Galicia da fusión entre a electrónica e o folk sen que xurdan evocacións que pouco ou nada teñen que ver coa proposta de Xackal. A do músico arousán, que tras unha estadía madrileña tornou de novo a súa residencia a Galicia, é unha interpretación absolutamente libre e abstracta das raíces sonoras -das propias e as alleas- levadas á vangarda a partir dunha complexa e sintética arquitectura musical que fuxe do explícito para transitar por territorios sonoros moito máis suxerintes que evidentes, opresivos por momentos, liberadores noutros.

Conta de momento Xackal cun único epé con tres temas, Nai Fika, e un par de recentes singles. Suficiente para adiviñarlle as intencións e o punto de mira.

Aínda así, non está de máis preguntarllo e que se explique. «É complexo autodefinirme», confesa de entrada. «Adoito utilizar unha frase de García Lorca. A miña música é como ese espazo 'onde o ímpeto primitivo baila co ímpeto mecánico'». Ao mellor non axuda moito, pero aí queda. E unha vez escoitadas as súas composición, enténdese moito mellor.

En Xackal conflúen dun xeito infrecuentemente harmónico ese carácter hipnótico que transmite unha electrónica tinguida de bruma e de grises coa vitalidade orgánica e por momentos tribal dunhas percusións profundamente evocadoras, que, por veces, a remiten a paisaxes que nos son ben coñecidas e, por outras, a territorios que convidan á aventura. E como se Alan Lomax se cruzase con Tarantino e xuntos marchasen de rave, fuxindo da luz, camiño do sur.

Presionado sobre a cuestión, admite Xackal que no estilístico a súa música susténtase sobre tres postulados: o synth pop, o trip hop e o rock progresivo. Pero a constrición non é boa compañeira deste tipo de propostas, abertas ao infinito persoal de quen as escoita.

Nunca un concepto, por moito que se detalle, pode chegar a acoller toda a poética, emoción e intensidade que xera a escoita de Vuelo captado ou de Bellezza. Nin sequera o folk, por moito que se abstraia, é quen de albergar toda a fértil complexidade que emana de Rapaz, que bonito.

A música de Xackal propón un reto constante. Non hai lugar para os conformismos. Como non os hai na natureza nin na arte. E diso, precisamente, é o do que este inquedo músico se serve. Ben servido.