O «top» oito dos libros máis lidos

Ramón Nicolás

FUGAS

A súa demanda constante nas librerías fan destes títulos unha selección que sobrevive con éxito ao paso do tempo

30 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O top 8 é un nome que recibe un campionato de rugby en Chile. Nesta ocasión permitiráseme a apropiación e translación do eido deportivo ao literario para denominar oito títulos que se veñen mantendo no tempo nas nosas librarías pola demanda ininterrompida que se fai deles. O resultado provén de diversos selos editoriais consultados e deseñan un abano de posibilidades que van desde un ensaio de temática científica ata mostras de novela negra ou policial, pasando por historias situadas en territorios afastados que nos ofrecen momentos, abofé, inesquecibles. Por xunto conforman un escaparate diverso onde será difícil non atopar algunha proposta que, polo que fose, aínda non se puido ler ou que poida prestar reler.

O «noir»

Neste inevitable ronsel destaca unha das voces máis aplaudidas como é a de Domingo Villar que, con O último barco, proposta voluminosa e solidamente tecida na que se aborda un caso criminal ocorrido na ría de Vigo resolto con precisión. O libro, traducido a máis de quince linguas, aínda lidera as vendas na editorial Galaxia e a ese estatus xa se suma a aínda recente novela de Arantza Portabales -A vida secreta de Úrsula Bas-, que superou as mellores previsións grazas a articular un magnífico punto de encontro entre novela policial e terror psicolóxico, incorporando outros elementos que son tamén crónica dos nosos días.

En Xerais, e nesa encrucillada entre novela de misterio e fondo histórico, sitúase Pedro Feijoo con A memoria da choiva, un dos seus libros máis salientables, como certifican as súas dez edicións desde a súa aparición no 2003 e na que esvara con sutileza pola ficción e a realidade para ofrecer unha novela sobre a fraxilidade da memoria e sobre a identidade. A editora viguesa salienta igualmente Infamia, de Ledicia Costas, que acumula sete edicións desde 2019: un acerto acaroado ao suspense psicolóxico cunha trama construída con indubidable habilidade e brillantez recreando unha desaparición ocorrida hai 25 anos que constitúe un caso, en aparencia, irresoluble.