Galego sempre

FUGAS

Pilar Canicoba

24 jun 2021 . Actualizado a las 11:55 h.

Teño na retina a ollada dun alumno que un día na aula ergueu a man e me preguntou se falaba galego sempre. Claro, respondinlle, sempre, sempre. Nos seus doce anos quizais non coñecera a ninguén que en Vigo se expresase naquela lingua as vinte e catro horas do día, debeu de pensar que tiña que ser esgotador. Para moita rapazada de ambientes principalmente urbanos, o galego é unha das linguas da escola, dos libros de lectura e das autoras que visitan os centros para falarlles de literatura. Nalgúns casos tamén dos avós ou xa dos bisavós, polo que carecen de referentes lingüísticos actuais e da súa idade. Por suposto que os hai, pero son invisibles no ámbito en que se moven e háillelos que mostrar. Nesa liña está o proxecto Conseguiremos que levan a cabo a Real Academia Galega e a Facultade de Ciencias da Comunicación da USC e que dá voz a músicos, médicos, deportistas ou cineastas que conforman unha xeración nova de profesionais que de maneira consciente empregan o noso idioma.

A xente nova segue a youtubers e influencers, escoita podcasts e playlist de Spotify, ao tempo que retransmite as partidas de videoxogo por Twitch. Ás veces tamén nos custa a nós ofrecerlles eses referentes porque non estamos familiarizados con algunhas das plataformas, por iso proxectos como SomosCultura son tan valiosos. Este portal, creado por un estudante de Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo, trata de mostrar o contido que se fai en galego nas distintas redes sociais e nun clic podemos mergullarnos nese mundo virtual que ocupa boa parte do tempo dos adolescentes.

Un dos proxectos revelación dos últimos meses foi o #DígochoEu, que supera os cen mil seguidores en TikTok e ten máis de quince millóns de visualizacións só nesta rede. Isto demostra que o galego é unha lingua coa que se pode triunfar nas redes sociais se o contido ten interese. Como no seu momento deixou pegada en nós o Xabarín Club, que nos sentaba cada tarde ante a televisión para ver os capítulos dos nosos debuxos favoritos, dos que ninguén quería ver a versión en castelán pola familiaridade que crearan na nosa lingua. Sen dúbida, os que gardamos ese recordo non dubidamos en asinar para pedir a creación dunha canle Xabarín onde emitir contidos en galego sen interrupción, máis de trinta mil sinaturas que se levaron ao Parlamento e que serviron para que a iniciativa fose aprobada por unanimidade.

Nun momento en que todos os indicadores nos din que os menores de quince anos teñen unha escasa competencia en galego, urxen contidos que acheguen a lingua á súa realidade, porque sen competencia non hai uso. Mentres, os que vivimos fóra dese mundo virtual, seguiremos falando sempre, sempre galego, preguntando amablemente nos restaurantes se dispoñen de carta no noso idioma ou consumindo produtos etiquetados na nosa lingua, pedindo que non nos traduzan o café con leite nin as declaracións nos xornais, porque o compromiso debe ser tamén noso, como noso é o galego.