Escenas do Cambio: vangarda no ADN

FUGAS

«El diablo en la playa», de Matarile Teatro
«El diablo en la playa», de Matarile Teatro Santi M. Amil

O festival de teatro, danza e arte en acción ofrece ata o domingo en Santiago espectáculos marcados pola innovación, incluíndo pezas que por primeira vez se poden ver en España

21 may 2021 . Actualizado a las 10:50 h.

Poemas escritos en mistos. Un psicanalista xunto a un dinosauro sobre o escenario para ofrecer unha visión irónica do que se idealiza o pasado. Un Romeo e Xulieta con final feliz. E todo isto con linguaxes escénicas de vangarda e innovadoras. O festival de teatro, danza e arte en acción Escenas do Cambio celebra desde onte a súa sétima edición en Santiago reunindo propostas de cinco países e posibilitando ver por primeira vez en Galicia dez dos once espectáculos. É máis, algúns deles chegan por primeira vez a España, ao que hai que engadir que a Cidade da Cultura será o escenario da estrea absoluta de dúas pezas: unha creada pola performer madrileña Ana Matey e outra a cargo de seis referentes da danza en Galicia feita especificamente para o festival impulsado desde a Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura.

Precisamente, esta tarde, ás 19.00 horas, terá lugar a estrea de Ana Matey. Trátase dunha nova proposta incluída dentro da serie Conversaciones, que a artista madrileña desenvolve desde o ano 2015. Esta é a décima das accións e cada unha versa sobre unha temática diferente dependendo dos acontecementos e preocupacións que estea a vivir nese momento. Despois, será a quenda de Suicide notes, na que se dan a man música, teatro e audiovisual. A peza de Marc Caellas e David G. Torres (Cataluña) pon en escena o tema do suicidio e o tabú que representa. Faino tomando como liña argumental as notas de suicidio deixadas por escritores, artistas e músicas. Esta non será a única proposta de Caellas nesta edición do festival da Cidade da Cultura. Durante mañá, sábado e o domingo haberá a posibilidade de pasear polas rúas compostelás seguindo ao escritor suízo Robert Walser, que é interpretado polo escritor suízo Esteban Feune de Colombi. Unha obra de teatro a pé de rúa na que se producen diversos encontros.

Xa pola tarde, chegará desde Portugal Romeo e Julieta a partir de Prokofiev, de Miguel Moreira e Útero Teatro. Unha historia con final feliz nesta ocasión na que danza e teatro se fusionan. O peche da xornada do sábado será coa compañía galega Matarile Teatro, El diablo en la playa, que ofrecerá o seu último espectáculo, unha peza que representou por primeira vez no Festival Internacional de Teatro de Ourense e que, baixo a dirección de Ana Vallés, contará na interpretación con Celeste González e Claudia Faci. Matarile, que fará proximamente unha produción co Centro Dramático Nacional, presentará ademais un libro cos textos finais desta peza escénica.

A compañía impulsada por Ana Vallés e Baltasar Patiño non é a única presenza galega no festival. Onte, Diego Anido representou a peza O deus do pop na Cidade da Cultura e na xornada final será a quenda de seis coreógrafas e bailarinas que crearon unha peza específica, Escenas en danza, para representar na Cidade da Cultura. Begoña Cuquejo, Nuria Sotelo, Kirenia Martínez, María Roja, Clara Ferrão e Paula Quintas realizaron diferentes propostas de dez minutos cada unha para levar ao público a descubrir as entrañas do Gaiás partindo desde os exteriores do edificio do Arquivo e a Biblioteca de Galicia. Unha cita á que os asistentes deben levar o seu móbil cargado de batería e con lector de código QR e auriculares para gozar plenamente.

Non será a única proposta da xornada dominical. Desde o país veciño, ao igual que Romeo e Julieta a partir de Prokofiev, tamén chegará Antes, un exemplo da nova dramaturxia portuguesa da man de Teatro Praga. Aborda con ironía e humor o sentimento de nostalxia, de apego ao pasado. Todo un «atlas da melancolía» con psicanalista e un dinosauro sobre o escenario para reflexionar sobre se realmente foi o noso pasado tan glorioso como o percibimos. A peza, que poderá verse no Salón Teatro, foi adaptada recentemente ao cinema por Jorge Jácome.

Por último, para baixar o pano do festival, está programada unha peza de teatro experimental, Psychodrama, que é definido como unha especie de exorcismo cultural pop. É unha creación de Christopher Brett Nailey e da premiada compañía de arte experimental Sleepwalk Collective, que traballa desde o 2006 entre España e o Reino Unido.

Pero non só hai ha posibilidade de gozar como espectador dos espectáculos de vangarda e de propostas chegadas de cinco países. O festival inclúe tamén un obradoiro para escribir poemas en mistos da man de Julio Fer. Arte efémero porque despois rematarán ardendo. Esta actividade desenvólvese na Fundación Granell, xa que Escenas do Cambio non se queda só no Gaiás, senón que tamén se achega á cidade con actuacións no Salón Teatro e o paseo tras os pasos de Robert Walser polas rúas compostelás.

Reactivación da cultura

O festival desenvolvido desde a Cidade da Cultura é unha cita habitual do inverno compostelán, pero nesta ocasión tivo que pospoñer a súa celebración debido ás restricións que, por mor da pandemia, había en febreiro, cando estaba previsto inicialmente. Sen embargo, pese ao cambio de datas, conseguiu manter case a totalidade do programa, coa única ausencia de Voadora, que nestes momentos se atopa representando en Madrid o seu novo espectáculo. Precisamente, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, agradeceu tanto ás compañías como á directora do festival, Lola Correa, o esforzo feito co cambio de datas e así levar a cabo unha cita «xa consolidada e que recolle os conceptos máis vangardistas das artes escénicas». Do mesmo xeito, enmarcou a súa celebración na reactivación das actividades culturais despois da pandemia. «Serve tamén como revulsivo emocional», engadiu. Pola súa parte, Lola Correa, explicou que buscou abrir o festival a todas as disciplinas das artes contemporáneas e as súas linguaxes.