A primeira Xela: «¡Esa son eu! ¡E sereina!»

Ramón Nicolás

FUGAS

Dous orixinais inéditos de Xela
Dous orixinais inéditos de Xela

Ofrecemos dúas pezas inéditas, dous textos iniciais da poeta: «Miña nai di que eu son unha trasteira, pero non lle fagades caso...»

17 may 2021 . Actualizado a las 01:06 h.

Corría o ano 1971. Xela Arias contaba con nove anos e Valentín Arias, seu pai, comezaba a exercer a súa profesión docente no colexio de Sárdoma. Como en Ortoá, xunto con Amparo Castaño, seguiron a contaxiar o verme da escrita aos seus fillos como ferramenta lúdica, imaxinativa e formativa. Ao fío da convocatoria dun concurso literario para escolares, baixo o título de Galego na escola, non era difícil sospeitar que Xela Arias e os seus irmáns participasen naquel certame. E así foi.

Este artigo non existiría sen unha figura, sempre próxima á familia Arias Castaño, como foi a de Francisco Fernández del Riego. Membro do xurado que valoraba aqueles relatos escolares en lingua galega e que decidiu arquivalos polo que hoxe forman parte do seu legado, custodiado na Casa Galega da Cultura de Vigo. Do mesmo xeito, talvez sen o feito casual que o arquiveiro da institución dera, entre algún material aínda non catalogado, cunha redacción asinada por Xela Arias tampouco accederiamos nunca a estes textos iniciais.

Os textos constitúen un corpus de 16 pezas que responden á feitura de redaccións escolares e dispostas en virtude de temas suxeridos pola organización, como eran o amor, os mestres, a queimada, os reis (magos), o entroido, «o que soñei un día», as plantas ou a fogueira de San Xoán, entre outros, alén de dous que se rescatan aquí baixo o título de Como son eu? e mais Os hórreos, incorporados nestas páxinas grazas á cortesía da Fundación Penzol, da Biblioteca-Museo Fernández del Riego e do Concello de Vigo.

Procura de complicidade

«Como son eu», así pois, é unha proposta marcada pola espontaneidade e a procura da complicidade: «Miña nai di que eu son unha trasteira, pero non lle fagades caso que eu son boa». Ademais, nese exercicio escolar destaca a relevancia que na súa vida tiñan as visitas regulares a Lugo, algo que lle resulta operativo para apuntar que nesas viaxes, ao ver o tren, sentía ganas de «tirarse a el» e ir ver novas terras para estudar «a carreira de exploradora». A paixón exploradora que anos despois centraría tamén na creación literaria. Ao final deste texto, deixa esta vitalista afirmación final: «¡Esa son eu! ¡E sereina!», tan profético e revelador en todo, mesmo no que transmite ese «sereina» onde latexa o gromo das futuras recategorizacións gramaticais e léxicas da súa obra, ás que Xela Arias se inclinaba tan precoz e inesperadamente.

O texto Os hórreos, ilustrado pola autora, é dono dunha maior expresividade e riqueza léxica que o anterior. Tras revelar que os hórreos teñen diversos nomes, a autora xustifica o feito de «facer un conto» en virtude de que «son bos» e que «lle gustan moito». Aí está a clave da redacción escolar que, de súpeto, se converte nun relato -cun pasmoso dominio das técnicas dialogadas, por exemplo- que titula O hórreo e o neno, onde un cativo «traste» se interna nun hórreo e se pregunta que acontecería se lle aparece unha fantasma. No argumento que a autora ideou será un rato quen lle faga ao neno reconsiderar iso de ser desobediente á súa nai. Velaí ese espírito de facer algo diferente e de introducir recursos imaxinativos, algo que tanto nos di hoxe á luz do que logo nos regalaría.