Un ano sen Luz

FUGAS

canicoba

O 20 de abril do 2020 apagouse a vida da decana das nosas letras, unha poeta que escondeu as primeiras lecturas debaixo da cama e que se despediu cunha homenaxe á nai

20 abr 2021 . Actualizado a las 16:18 h.

Hai un ano a voz de Luz Pozo Garza apagábase. O confinamento impedía renderlle as honras que merecía a decana das nosas letras, despois dunha vida dedicada á palabra e, moi especialmente, á poesía. Nacera en 1922 en Ribadeo no seo dunha familia culta que vai apostar pola formación da pequena. Con tres anos xa sabía ler e con cinco solfexo. Súa nai era profesora de idiomas e o pai inspector veterinario, algunhas noites recitaban de memoria poemas de Rosalía e tamén de Curros. Nos seus despachos a cativa procuraba lecturas e escondíaas debaixo da roupa da cama para cando se deitaban os maiores prender a luz e continuar lendo. Aquela nena que andaba en patinete e vestía de mariñeira comezaba xa a escribir contos en verso.

 Os felices anos en Ribadeo e en Viveiro víronse truncados co levantamento militar que levaría a seu pai á prisión de Lugo polas ideas republicanas. Naqueles meses privado de liberdade, a familia instálase na cidade para estar preto del, nunha fonda no mesmo edificio en que vivía Luís Pimentel, quen será referente poético da autora. Cando sae da cadea marchan a Marrocos, excepto o único irmán que é obrigado a ir á fronte no bando sublevado. Aquel día, Luz vai na súa bicicleta a despedilo á estación sen saber que non o volvería ver.

Amor e poesía eterna

Regresar a Viveiro foi duro. Con todo, continúa os seus estudos, casa co seu profesor, Francisco Vázquez Ramudo, e axiña é nai, unha faceta que a enche de alegría. Ao tempo comeza a colaborar en publicacións como o xornal vespertino La Noche. É alí onde a le Eduardo Moreiras e decide escribirlle unha carta para que participe nun libro colectivo. Era 1946 e aquelas misivas van desencadear un amor epistolar, o único posible ao estaren ambos casados.

Amais dunha gran formación musical e artística, Luz estuda Filoloxía Románica e imparte clases en distintos institutos coruñeses, de Vigo e Nigrán. Xa na democracia, na cidade olívica culmina o seu amor con Eduardo e, grazas á lei do divorcio, conseguen casar para vivir máis dunha década un amor que superou todas as barreiras. Estes anos xunto ao poeta van ser moi produtivos e dará ao prelo Concerto de outono ou Códice Calixtino. Con anterioridade xa publicara O paxaro na boca, en Xistral, motivada por Manuel María, que lle insistía en que Galicia necesitaba da súa poesía. Naquel tempo as mulleres non podían dirixir unha publicación e Luz Pozo facíao en Nordés xunto a Tomás Barros, aínda que figurase como subdirectora. Nos anos oitenta, xa na segunda etapa da revista, farao en solitario.

A morte de Eduardo chega repentina en 1991 para poñer cabo a unha relación avivada durante tres décadas a través da palabra escrita. Luz regresa á Coruña e vive soa por expreso desexo, gozando do seu tempo e da súa liberdade. Pinta, escribe, toca o piano, dialoga coas novas xeracións de poetas... Da perda do amado e da crenza do amor máis alá da morte nacen os versos de Prometo a flor de loto. Son anos en que se intensifica o seu labor ensaístico, entra na Real Academia Galega da man de Rosalía e escribe ata dar ao prelo o derradeiro poemario, Pazo de Tor, no 2018. Con noventa e seis anos volve á infancia, nunha homenaxe á nai, a muller que tanto a marcou.

Os seus versos escintilan. A súa é unha poética profunda, intelixente, onde se dan cita os grandes temas, unha poesía eterna, como eterna é a beleza e Luz. «Esta é terra sagrada do meu pobo -pensei-/ a patria do milagre/ E fiquei nela para sempre».