O CDG sobe ás táboas o que pasa na última etapa da vida

A nova produción «Terceiro acto» parte de reflexións do elenco artístico, integrado por cinco referentes históricos da escena en Galicia


Unha reunión nocturna clandestina. Os que se xuntan son unha troupe de actrices e actores veteranos para emprender a que quizais sexa a súa última aventura xuntos. Unha noite inesquecible, das que se gardan na memoria e na que se van producir moitas confesións, algunhas delas descoñecidas para os outros. Ese é o punto de partida de Terceiro acto, a nova produción do Centro Dramático Galego (CDG), que se poderá ver ata o 16 de maio no Salón Teatro de Santiago e posteriormente realizará unha xira en xullo, onde se achegará á Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT).

A montaxe ofrece unha reflexión sobre a última etapa da vida e reivindica o papel das persoas maiores na sociedade actual. E faino a partir da ollada e da experiencia dos compoñentes do elenco artístico, conformado por cinco referentes históricos do teatro galego: Belén Constenla, Roberto Leal, Fernando Morán, Mabel Rivera e Eduardo R. Cunha Tatán. A partir das súas improvisacións sobre o escenario durante o proceso creativo, Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez, integrantes da compañía de Teatro en Vilo e directoras da montaxe, crearon unha dramaturxia dun espectáculo que, segundo destacan, «é unha celebración da vida».

En Terceiro acto, polo tanto, os actores e actrices intégranse nos personaxes, de xeito que se meten na súa propia pel. «Todo el espectáculo son ellos y sus experiencias. Todos esos personajes son ellos, tienen su impulso vital, su energía, sus deseos», destacou Andrea Jiménez. Nese sentido, Mabel Rivera, unha das protagonistas, detalla que as directoras «conseguiron sacar de nós unha brutalidade», ata o punto de que confesou que algunhas das reflexións que trasladaron compoñentes do elenco durante o proceso de traballo para poñer en marcha a peza nunca antes as compartiran con ninguén. «Convertéronnos a nós mesmos en personaxes. É unha sensación tan pracenteira que xa me retiro contenta», afirmou a actriz, que salientou que nunca con anterioridade traballara dese xeito tan comprometido ata o nivel de expoñer as cousas que lle preocupaban.

«Tivemos a oportunidade de preguntar a alguén que viviu máis ca nós cuestións como o xeito no que afrontan determinadas perdas, que pasa cando sentes que o teu corpo se vai facendo maior...», explica Noemi Rodríguez sobre ese intercambio cun elenco no que todos superan os 60 anos. Así, durante a montaxe aparecen reflectidas cuestións como o xeito de mirar a morte aos ollos, o activismo político, como se rebelaron contra a educación franquista, a Transición... «Foi a recuperación da memoria de cada un de nós», resume Tatán. Todo para conformar 90 minutos de montaxe na que non faltarán os sorrisos, pero tamén hai tempo para as mensaxes de calado.

Terceiro acto, tal e como incidiu o director do CDG, Fran Núñez, tamén supón un encontro xeracional da escena galega. Por una parte, os pioneiros no ámbito profesional e, por outra banda, as primeiras xeracións saídas da ESAD (Escola Superior de Arte Dramático de Galicia), representadas por Noemi Rodríguez. Esta peza é a segunda produción do CDG estreada este ano despois de O charco de Ulises, que estivo no Salón Teatro en xaneiro e contará con xira a finais de ano. Tamén este ano, a compañía dependente da Consellería de Educación a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) estreará Serva me servabo te, ademais de participar en sete coproducións.

Como novidade, desde o CDG organiza con concellos desprazamentos da veciñanza a Santiago para que poidan gozar do teatro da compañía pública e deste xeito contribuír a que un maior número de persoas teñan a opción de acudir a velo. Gondomar, Redondela, Sada, Santiso, Toques e Piñor son algunhas das localidades que se adheriron a esta iniciativa. Terceiro acto contará cunha trintena de funcións en Santiago de mércores a domingos, con sesións dobres venres e sábados. Os domingos haberá encontros co equipo do espectáculo ao remate da sesión.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

O CDG sobe ás táboas o que pasa na última etapa da vida