Baudelaire contra Rosalía

DIEGO AMEIXEIRAS

FUGAS

Pilar Canicoba

09 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Na Biblioteca de Galicia convidan a dez escritores para que analicen un título da nosa literatura que marcou a súa traxectoria, esa obra á que volven con frecuencia sabendo que van ao encontro dun tesouro. A primeira será Arantza Portabales, que falará esta tarde con Susana Pedreira de Que me queres, amor?, os relatos de Manuel Rivas. Un libro emociona cando o autor consegue poñerlle as palabras xustas a algo que o lector ten experimentado e nunca acertou a definir coa mesma precisión. Sospeito que parte da marca que deixaron en Portabales os espléndidos contos de Rivas terá que ver con ese fenómeno que se produce cando lemos un parágrafo que nos deixa conmocionados, fóra de xogo ante a familiaridade coa que un ser descoñecido, o escritor da foto na lapela, fala de nós mesmos. Porque hai autores que en tres liñas, por arte de maxia, son capaces de definir un desarranxo ou unha esperanza que nos acompaña toda a vida.

Baudelaire cumpre douscentos anos, un aniversario que me trae lembranzas da adolescencia. Non entendía moito, pero lin a súa obra ata a obsesión, como imaxino que corresponde a esa idade en que pretendes diferenciarte de todo o que tes ao teu redor, cunha mestura de insolencia e inxenuidade que pasado o tempo recordas cun sorriso indulxente. Para min, a súa estampa de poeta maldito funcionaba coma un oposto á imaxe beatífica que me transmitía Rosalía na foto de Luis Sellier, sen dúbida porque no bacharelato nunca acabaron de explicarnos ben a súa obra e tocaba imputarlle todos os prexuízos posibles. Devoraba nas páxinas escritas por aquel protopunk francés que almorzaba viño con opio, ese calimocho dos dandis, e parecíame que os seus versos me bisbaban ao oído os segredos da vida. Teño en mente volver a O spleen de París, que recupera Laiovento en tradución de Xela Arias, para ver se conservo marcas daquela fascinación. E estarei atento aos libros escollidos por Ledicia Costas, Domingo Villar, María Solar e María Canosa, que nas vindeiras semanas pasearán polo Gaiás esas obsesións que nos fan sentir vivos.