MENCHU LAMAS
pintora
É unha chave para entender a pintura española contemporánea e a pintora galega con maior proxección. Cofundadora de Atlántica nos 80, Menchu Lamas (Vigo, 1954) pinta Galicia no mapa internacional. Unha mestra das emocións en gran formato
MARÍA XOSÉ QUEIZÁN
piar feminista
A escritora e tradutora María Xosé Queizán (Vigo, 1939), catedrática de Lingua e Literatura, é unha das máis relevantes figuras do movemento feminista. As súas, din os que a coñecen, non son nunca opinións de segunda man. Rexeita entrar na Real Academia Galega
GUADI GALEGO
cantante
Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado polo disco «Immersion», Guadi Galego (Cedeira, 1974) recibiu o Premio Martín Códax da Música á Mellor Artista en Indie/Pop no 2020. Unha loitadora cotiá dende os 90 que vén de lanzar «Costuras»
EMMA LUSTRES
produtora
Fundadora de Vaca Films, Emma Lustres (O Grove, 1975) é unha das grandes do audiovisual e a primeira muller en ocupar un posto na directiva do Deportivo. Os Goya distinguírona por filmes como «Celda 211». O público celébralle «El desorden que dejas»
MARÍA XOSÉ PORTEIRO
escritora
Galega polo labor, María Xosé Porteiro (Madrid, 1952) coordina o Centro de Documentación en Igualdade do Consello da Cultura Galega. «Sándalo» é a súa gran novela río da emigración
XIANA LASTRA
música
A cantante de A Banda da Loba, que abraiou co primeiro disco e gañou o aRitmar da música galega e portuguesa, é deseñadora e produtora en Seispés. Lastra (As Pontes, 1983) é a presidenta da asociación Músicas ao Vivo
LEDICIA COSTAS
escritora
É dende hai anos a raíña do corazón do público máis esixente. Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, Ledicia Costas (Vigo, 1979) acadou o top no 2020 en España co «thriller» de terror para adultos «Infamia»
ELENA FERRO
zoqueira
Terceira xeración dunha familia de zoqueiros, levou o noso calzado tradicional a pisar alto e a ser tendencia mundial. Elena Ferro (Vila de Cruces, 1975), á fronte da empresa Eferro, gañou o Premio Nacional de Artesanía no 2019
MERCEDES PEÓN
cantante
A súa é unha das voces con máis saber, de percorrer as aldeas de Galicia para atopar o seu son. Mercedes Peón (Oza-Cesuras, 1967), que vén de arriscar de novo con «Déixaas», é sempre de vangarda internacional
MARÍA VÁZQUEZ
actriz
Premio Mestre Mateo 2019 á mellor actriz por «María y los demás», María Vázquez (Vigo, 1979) traballou con Montxo Armendáriz ou Iciar Bollaín e é unha das caras que máis triunfan do noso audiovisual
MARILAR ALEIXANDRE
escritora
Escritora e bióloga, Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) abrazou a cultura galega de corazón. Membro da Real Academia Galega dende o 2017, coordina desde a institución o centenario de Pardo Bazán
ALBA CID
poeta
É unha das voces máis refrescantes da lírica galega, recoñecida co Premio Nacional de Poesía Joven 2020 por «Atlas». A literatura é o mapa do real, segundo Alba Cid (Ourense, 1989), unha maga en dar contido á Rede e ao Instagram
CRISTINA DOMÍNGUEZ
directora teatral
Nome de referencia no teatro, Cristina Domínguez (Pontevedra, 1965) traballa na Factoría Teatro, facendo dialogar a arte galega coa vangarda europea. É a vicedirectora da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia
LULA GOCE
deseñadora
É un dos referentes máis emocionantes en «street art» do mundo. Nenas e mulleres son enormes nos seus murais. Lula Goce (Baiona) inmortalizou a Díaz Pardo nunha medianeira en Sada e a Blanca Suárez en Nova York