Margarita Ledo, directora de «Nación», a película sobre o drama da Pontesa: «Cando a muller non teña que manifestarse direi: agora, si»

A escritora e directora galega está á fronte de «Nación», que se estrea o día 26 de marzo nos cines. O filme recupera a loita das traballadoras da Pontesa e vén de gañar o premio especial á mellor dirección dunha película española no Festival Internacional de Cine de Sevilla


Gústalle lembrar a Margarita Ledo Andión (Castro de Rei, 1951) unha cita de Virginia Woolf: «Non temos que mirar para a muller extraordinaria, senón para a muller común». A cineasta, catedrática da USC e académica da RAG presenta Nación, unha película de non ficción que recupera a loita das traballadoras da desaparecida Pontesa. «Pertencer a unha fábrica como forma de pertencer á sociedade», resume a súa mensaxe.

-Que lección lle deixou a rodaxe?

-A constancia e esa capacidade de encontro entre mulleres absolutamente diferentes. Esa pluralidade interna que flúe entre elas é o que é a propia nación.

­-Por que se impuxo o estereotipo na palabra «feminista», case que maldita?

-Porque era un xeito de que o interese polo feminismo non pasase ao coñecemento xeral. O estereotipo de histéricas, marimachos e frustradas pecha portas. Quédaste cunha idea curta, reducida a un síntoma, que normalmente é falso. A partir de aí, non deixas pasar máis. Funciona aquí e noutros ámbitos. Desposuír de interese. Hai unha frase de João Guimarães Rosa en A terceira margem do rio, que di algo así: «Aquilo que non acontecía, estaba pasando». Iso foi o feminismo. Ocultouse, pero estaba pasando. Agora hai un retorno, en moitas ocasións interesado e motivado polos propios poderes, pero tamén porque foi o propio movemento das mulleres, a recuperación do corpo que se estima e sabe con dereitos, o que o reconstruíu dalgunha maneira.

­-Que a mantén hoxe alerta?

-O feminismo non é unha cuestión biolóxica, senón unha toma de posición, e hai cada vez máis rapaces feministas, que non se recoñecen no papel de dominadores. Nelas, quedan vestixios de sometemento. Amólame un pouco este interese porque non nos reunamos, con todas as medidas de seguridade e condicionantes. É un indicador de que, no fondo, late unha necesidade de controlar e reprimir ao feminismo, pero hai que dicilo doutro xeito. Isto é o que me segue mantendo alerta. Agora, o momento é esperanzador e coido que non hai volta atrás. A propia sociedade se impregna, porque o feminismo trae algo insubstituíble: a igualdade.

­-Cando cre que dirá: «Agora, si»?

-Hai moitos momentos emancipadores. Nación foi un, para min e para elas. Que a muller participe, que manteña a capacidade de estar aí, que as cousas estean pasando e pasen a existir, a ser visibles, son momentos emancipadores. A gran falacia, a gran trampa é que nos distintos relatos as mulleres existían a través do outro, o escritor ou o artista que creaba a imaxe pública delas. Hai que romper a dependencia, o silencio. Cando a muller non teña que manifestarse contra a violencia machista nin teña medo de atravesar unha rúa pola noite; cando teña dereito a envellecer, a negarse a ser nai ou a selo. Cando deixe de estar preprogramada e se vaia construíndo e programando ao longo da súa vida, e teña os medios para facelo, entón direi: «Agora, si».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Comentarios

Margarita Ledo, directora de «Nación», a película sobre o drama da Pontesa: «Cando a muller non teña que manifestarse direi: agora, si»