Dona Emilia e o seu ratiño

FUGAS

Peréz Galdós e Pardo Bazán
Peréz Galdós e Pardo Bazán

O primeiro home da súa vida foi o pai, un conde protofeminista e liberal. Para apaixonada, a historia con Pérez Galdós, que é só un aspecto máis da liberdade extrema de Pardo Bazán

08 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«Se o público soubese que ti e mais eu...». Así se falaban Emilia Pardo Bazán e Benito Pérez Galdós uns anos antes de que a caverna de varóns da Real Academia Española lle negasen á autora unha cadeira cos malos modos propios do estilo señoro daquel (e deste) tempo: que se non lle cabía o cu na cadeira, que se era fea e gorda ou puta, que se axiña formaría un aquelarre con outras escritoras... Pero Pardo Bazán manexouse cunha destreza case posmoderna nun mundo de homes máis decimonónicos ca o rancio século XIX español. Posicionándose como persoa libre e honesta, desprezou os desplantes de Juan Valera, José María de Pereda, Menéndez Pelayo, Clarín e Zorrilla mentres fumaba, por pura vontade de escandalizar con ese frívolo, pero masculino, xesto de desdén. Dada a súa condición de muller, ese liber(t)arismo insistente case se antolla máis comprometido ca o de Espartero.

Ser home na vida de Emilia Pardo Bazán supuña non só enfrontarse á rareza de tratar cunha muller intelixente e tan culta que puña a proba o ego de calquera prócer intelectual do seu tempo, senón batallar con alguén cuxo estilo de vida se simbolizaba no lema co que timbraba o papel das cartas que escribía ao seu amor Galdós: De bellum luce. A luz na guerra. Seguramente, iso non sería así de non ser polo seu pai, o primeiro home da súa vida, un conde protofeminista e curiosamente liberal que lle inculcou a idea de que a existencia de morais distintas para homes e mulleres era unha estupidez. Con todo, seguramente o verdadeiro tesouro intelectual que legou José Pardo Bazán á súa filla foi a posibilidade de que lese libremente na súa inmensa biblioteca, algo moi pouco axeitado para as señoritas da segunda metade do XIX.

O mediocre marido

Non é de estrañar que Emilia namorase co cerebro e non co escudo de armas ou a caixa forte, como correspondería á súa clase. Obviamente, namorar e casar son cousas distintas para calquera persoa razoable en todos os tempos, así que o segundo home da súa vida, un rapaz adiñeirado chamado José Quiroga, converterase no seu mediocre marido, pai de Jaime, Blanca e Carmen, e seguramente responsábel de que, durante uns anos, a señora de Quiroga revirase nunha carlista ultracatólica recalcitrante... ata que os seus correlixionarios a insultaron duramente por atreverse a escribir sobre o naturalismo francés, pecaminoso e herético para aquela España que cheiraba a incenso e naftalina. A separación do seu marido colocou a Pardo Bazán na súa propia tribuna, o espazo da muller soa e, por tanto, da intelectual emancipada que xera coa súa familia unha relación atípica (dicíalle ao seu xenro, o xeneral Cavalcanti, «Ti cala, que non es máis ca un heroe!») na que, aínda así, figuran as preocupacións maternais polas febres constantes do seu fillo ou o orgullo polos gustos literarios da prole. Ao neno Jaime, xustamente, escribiulle o seu único libro de poemas.

As grandes paixóns intelectuais

A historia con Pérez Galdós é só un aspecto máis desa liberdade extrema en que Pardo Bazán se permitiu vivir, seguramente a máis morbosa por aquilo de chamalo «miquiño mío», «caro Venusino», «cariño», «chiquito mío», «ratonciño» ou «caro roedor literario». Dona Emilia botouse sen rede a esa liberdade con Galdós durante tres décadas, pero tamén con outros homes coma Lázaro Galdiano e, quizais, Isaac Pavloski e Narcís Oller, alén de ducias de amigos cos que a escritora mantivo unha correspondencia intelectualmente inesgotábel e esencial para comprender a vida cultural española de fins do XIX e comezos do XX.

En lugar de colocarse ela na vida dos homes, Emilia Pardo Bazán colocaba homes na súa en virtude das súas paixóns intelectuais, intereses ideolóxicos e curiosidade polo mundo. Exactamente igual que faría, case un século despois nun país moito máis propicio para tales alardes, Simone de Beauvoir, que tampouco renegaría de atribuírse no plano sentimental comportamentos só aceptados para os homes. As dúas foron radicais feministas, só que Pardo Bazán se definiu a si mesma dese xeito, e Simone de Beauvoir tardou décadas en aceptarse a si mesma na etiqueta.